publicidade hoxe

Sober presentará a XXXVI Feira do Viño de Amandi o 20 de febreiro na contorna dos muíños do Xabrega

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober fará a presentación dos actos da XXXVI Feira do Viño de Amandi o día 20 de febreiro ás doce do mediodía na contorna dos Muíños do Xabrega. Ese mesmo día dará a coñecer o cartel anunciador da feira, así como os actos que se englobarán no Mes do Amandi.

A inauguración oficial da feira, que se celebrará os días 19 e 20 de marzo, correrá a cargo de Adega Proencia en lembranza a seu fundador, Tomás Arias, falecido o ano pasado.

O equipo de Goberno mantivo onte a primeira reunión preparatoria cos colleiteiros que están inicialmente escritos para participar na XXXVI Feira do Viño de Amandi. Polo de agora hai 24 adegas anotadas para a cita, na que o convidado de honra será o Concello de Parada de Sil. 

Certames en marcha

O rexedor, Luis Fernández Guitián, explicou que seguen abertos os dous concursos que o Concello organiza para promover o evento, un deles para elixir o cartel anunciador, dotado con 600 euros de premio, e outro para o deseño de barricas, cuxos galardóns ascenden a 300 e 100 euros. O concurso para o cartel está aberto ata o 31 de xaneiro, mentres que os interesados en deseñar as barricas poderán anotarse ata o 10 de marzo.

Promoción en Xantar

A primeira xornada de promoción da XXXVI Feira do Viño de Amandi será na mostra Xantar en EXPOURENSE, na que o Concello de Sober un ano máis disporá dun stand promocional propio e organizará, entre outras actividades, unha degustación de viño de Amandi con galo de curral de Vila de Cruces, en colaboración co Concello pontevedrés. 

Mes do Amandi

O Goberno local, en colaboración co sector, ultima a programación do Mes do Amandi que encherá de actividades os 30 días previos á celebración da feira. Entre os actos previstos, o Goberno local organizará unha xornada de maridaxe de viño de Amandi con Porco Celta, na que colaborarán Asoporcel e a Escola de Hostalería de Rosende; unha xornada  técnica sobre novos campos para o viño, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia; un concerto en colaboración coas Xuventudes Musicais de Sober, así como actividades para os máis novos entre as que se incluirá a visita a unha adega.

19 de xaneiro de 2016 | 13:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.