publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño leva os orzamentos a pleno este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O primeiro pleno do ano en San Sadurniño está fixado para as 11.30h. deste sábado e inclúe na súa orde do día oito puntos entre os que destaca a proposta de orzamento municipal para o exercicio recén estreado. A cifra que se discutirá na sesión ascende a 2.777.900 euros, apenas un 0,7% por baixo das contas de 2015 nas que, cómpre lembralo, se incluían 340.000 euros para as obras no campo de fútbol de Corrás. Con todo, o pleno aínda dará para máis asuntos de relevancia, como son a aprobación das bases para as distintas subvencións e bolsas que outorga o Concello, a modificación das axudas á autoconstrución para incorporar tamén as rehabilitacións de vivendas e, no arranque da sesión, a creación da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional contra a Violencia de Xénero.

A MLC será un instrumento operativo no que estarán representados os ámbitos municipais implicados directa ou indirectamente na loita contra a violencia de xénero, co obxectivo de alcanzar maior eficiencia na prevención e na loita contra esta lacra. A mesa estará formada por persoal municipal e responsables das concellarías con competencias na prevención da violencia de xénero xunto con representantes do posto da Garda Civil, do CPI e do centro de saúde. 

O seu traballo perseguirá cinco grandes finalidades: mellorar a detección precoz dos casos de violencia de xénero, optimizar a coordinación de axentes e servizos implicados na loita contra a violencia, ofrecer unha resposta áxil ás vítimas, mellorar a protección en casos de alto risco e informar e sensibilizar tanto a profesionais como á poboación en xeral. A posta en marcha deste organismo -que se reunirá cada seis meses de forma ordinaria ou con carácter urxente se for necesario- responde a unha das actuacións incluídas no II Plan de Oportunidades entre Mulleres e Homes aprobado polo Concello, en vigor até o 2017.

Tras abordar esta cuestión, o pleno avaliará a modificación dun proxecto incluído no Plan de Acción Social da deputación. Como se lembrará, no pleno de decembro a corporación aprobou por unanimidade destinar 279.000 euros a distintos investimentos agrupados en proxectos. Un deles incluía a execución dunha senda peonil en Naraío e o abastecemento de auga ao lugar do Cochón, en San Sadurniño. O que se tratará no pleno será o de dividir este proxecto en dous por cuestións administrativas sen que o cambio lle afecte aos importes comprometidos nin tampouco as obras que se teñen previsto levar adiante.

Orzamentos

O apartado centrado no debate das contas municipais para 2016 será, previsiblemente, o que máis debate xere durante a sesión. A proposta do grupo de goberno achega un documento con partidas por valor de 2.777.900 euros tanto en ingresos como en gastos. Unha cifra moi semellante á do exercicio do ano pasado que busca preservar “a prestación de servizos públicos fundamentais” así como incidir “da forma máis contundente posible nas consecuencias que o contexto de crie económica está a deixar no municipio”. 

Neste sentido márcanse cinco grandes liñas estatéxicas que se resumen no “fortalecemento” das políticas sociais en materia de igualdade, benestar e servizos á dependencia; un “maior esforzo investidor” no mantemento e mellora da rede viaria; o “reforzo das políticas de desenvolemento local e promoción económica” coa potenciación dos mercados, a formación e a promoción do emprego, tendo como principal instrumento neste último apartado a apertura do Centro Municipal de Empresas. 

Por outra banda o goberno destaca “a aposta polo mantemento das actividades culturais, deportivas e de lecer”, materializadas cun investimento de 140.000 euros no contorno da piscina municipal e co mantemento das axudas ao asociacionismo e ás entidades sen fins de lucro. 

Á hora de deseñar as contas municipais o goberno local sinala que se “estremou a prudencia” no tocante á previsión de ingresos procedentes doutras administracións, que sustentan arredor do 64,5 da economía municipal. A xustificación do orzamento volve insistir na necesidade dun sistema de finanzamento municipal “máis equitativo e igualitario e que dunha vez por todas teña en conta os condicionantes do territorio galego, tales como o avellentamento e a dispersión poboacional”. Na introdución do documento tamén se sinala “a conxelación un ano máis de todos aqueles impostos e taxas dentro da permisible autonomía municipal” e ponse o acento no aforro en aspectos como o consumo enerxético ou nos custes do tratamento do lixo para manter a prestación de servizos sen incrementar a carga impositiva sobre a veciñanza.

O apartado de gastos divídese porcentualmente da seguinte maneira: un 43% en persoal -350.000 euros dos 1.195.000 totais correspóndense coa área de servizos sociais-, un 28% (778.000 euros) destinarase a gasto corrente, o 25,5% (708.000 euros) irán para investimentos e o resto dos importes -96.000 euros- (un 3,45%) serán para transferencias correntes.

Aprobación das bases de distintas axudas

Para a última parte do pleno resérvanse tres apartados referidos ás bases das axudas anuais que se conceden en concepto de bolsas escolares e servizos de conciliación, para colaborar co tecido asociativo municipal e tamén para a autoconstrución de vivendas unifamiliares. As becas e axudas á conciliación manteñen a contía en 25.000 euros: 10.000 para estudos post obrigatorios, 5.000 para os obrigatorios, 8.000 para distribuír entre as familias con nenos e nenas con matrícula na EIM “A Rolada” e 2.000 para atender casos de situacións especiais que poidan xurdir durante o ano.

Tampouco varía o articulado das bases no caso das axudas a entidades deportivas e asociativas do municipio. A partida para asociacións veciñais e comisións de festas ascende a 19.000 euros e as das entidades deportivas sitúase nos 5.000. No reparto non entrarían os clubes e asociacións que suscriben convenios de colaboración específicos co Concello -Aldebarán, CF San Sadurniño, ANPA, Biela e Chaveta, AFGA do Eume, AGA e Asociación Brío-, que supoñen un montante total doutros 38.000 euros.

O último documento que se aprobará neste capítulo de bases será o das que regulan as axudas para a autoconstrución de vivendas unifamiliares. Neste caso non hai contía reservada, posto que a axuda consiste nunha bonificación do 25% no ICIO se a zona non dispón de abastecemento municipal de auga e outro 25% se tampouco hai acceso á rede municipal de sumidoiros, de xeito que se se dan as dúas circunstancias e se cumpren os requisitos especificados nas bases a bonificación será do 50%. As bases introducen como novidade a posibilidade de que tamén se acollan á bonificación as obras de rehabilitación de vivendas e non só as novas construcións.

Ao tratarse dunha sesión ordinaria, o pleno incluirá un apartado de mocións, rogos e preguntas. Como vén sendo habitual a gravación íntegra do debate estará dispoñible en internet minutos despois de finalizar.

7 de xaneiro de 2016 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.