publicidade hoxe

Os comuneiros trasladan ao director xeral de Ordenación e Produción Forestal as súas inquedanzas respecto da xustificación de axudas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Onte pola tarde reuníronse no Pazo de Mos o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto Juanas, e o concelleiro mosense Luis Alonso Seijo coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos distritos de Vigo-Baixo Miño e do Condado-Paradanta.

Os anfitrións foron os comuneiros da Comunidade de Montes de Mos, que contaron coa presenza do seu presidente, Manuel Barciela, e o secretario, Ramón Muíños. Ademais da de Mos tamén asistiron a esta xuntanza as xuntas directivas das Comunidades de Parderrubias de Salceda de Caselas, Atios de Porriño, Cumiar de Ponteareas, Xinzo de Ponteareas, Ribadetea de Ponteareas, Arnoso de Ponteareas, Areas de Ponteareas, Couso tamén de Ponteareas e a Agrupación de Coutadas Particulares de Ponteareas.

Esta é a terceira reunión que os comuneiros de ambos distritos forestais manteñen co director xeral dende que en abril de 2015 se celebrase a primeira. Estes encontros forman parte dun proxecto promovido pola administración autonómica consistente en iniciar un novo xeito de facer as cousas en materia de montes en man común, baseado nun maior entendemento, comunicación e flexibilidade dende a administración para cos comuneiros. Con esta iniciativa as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común dos dous distritos de Vigo-Baixo Miño e do Condado-Paradanta están a ser protagonistas dun proxecto co que se pretende axilizar, dinamizar e facilitar os trámites e as comunicacións entre a Dirección Xeral e as Comunidades de Montes.

O obxectivo de xuntanzas coma a de onte é fomentar e reforzar a comunicación entre a administración autonómica e forestal e os xestores dos montes dos Concellos de Mos, Porriño, Ponteareas e Salceda de Caselas. E os temas tratados onte pola tarde no Pazo de Mos foron a posibilidade da xustificación dos traballos con medios propios dentro das subvencións concedidas e a creación de convenios para a utilización do monte de xeito que se eliminen os conflitos de uso entre propietarios e usuarios. 

Respecto da xustificación das subvencións os comuneiros manifestaron o seu interese pola posibilidade de non ter que subcontratar traballos e poder facelo con persoal propio das súas cuadrillas e que os ditos traballos realizados con medios propios poidan ser igual de válidos para xustificar as subvencións. Neste sentido Fernández-Couto estudiará esta posibilidade de cara a próximas axudas e formulou tamén outra alternativa que é a da xustificación en base a módulos con prezos tipo para determinados traballos.

O director xeral comprometeuse a estudar a fórmula viable de poder satisfacer esta demanda dos comuneiros dentro dos marcos legais autonómicos, “posto que é necesario establecer prioridades e procedementos que repartan as axudas entre o vasto tecido asociativo forestal galego”, declarou Tomás Fernández-Couto. E é que existen criterios e limitacións legais neste senso que hai que cumprir. 

En canto aos convenios para a utilización do monte de xeito que se eliminen os conflitos de uso entre propietarios e usuarios evitando os conflitos, etc., o director xeral formuloulles ás Comunidades de Montes a posibilidade de habilitar unha oferta de uso público que podería ser incluso un recurso para o monte veciñal. A idea da Dirección Xeral é a creación dunha liña de traballo con financiamento da Xunta de Galicia para casos concretos como a creación de circuítos organizados, por exemplo para vehículos a motor como quads ou motocicletas, e de sendas peonís; entre outras posibilidades de utilización do monte en man común.

Por último Tomás Fernández-Couto Juanas anunciou que proximamente sairán tres liñas de subvención ou axuda para as Comunidades de Montes que son a subvención para o cultivo de castiñeiro de froito e dúas novas liñas das que se están a elaborar as respectivas ordes e aplicacións e que son relativas a deslindes e ordenación forestal; e tamén expuxo u a posibilidade da creación da parcela única de monte veciñal, considerada a fórmula máis óptima dende o punto de vista da Xunta de Galicia.

A reunión concluíu co compromiso por ambas partes de convocar un novo encontro para abordar máis concretamente o tema das ordes das subvencións e os comuneiros trasladáronlle tamén ao director xeral o seu interese por reunirse ademais coa conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez Mejuto.

20 de xaneiro de 2016 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.