publicidade hoxe

Os alumnos da Escola de Horticultura Ecolóxica da Deputación de Lugo no Valadouro crean 7 novas empresas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoO Valadouro
A-
A+
Alumnos da Escola de Horticultura Ecolóxica

Alumnos da Escola de Horticultura Ecolóxica

Un total de 20 persoas recibiron, de xeito completamente gratuíto, formación na primeira Escola Pública de Horticultura Ecolóxica de Galicia, que a Deputación de Lugo puxo en marcha no Valadouro. Son 7 as primeiras novas empresas que os alumnos deste centro puxeron en marcha.

Esta semana remataron as clases os 12 alumnos da que foi a segunda promoción da escola. En concreto, catro deles están botando a andar un proxecto de ovos ecolóxicos e horta no Valadouro; unha explotación de horticultura ecolóxica baixo invernadoiro en Vilaronte (Foz); outra explotación hortícola en Carballido (Alfoz) e a ampliación dunha explotación ecolóxica de cítricos, tamén no Valadouro.

Da primeira promoción, na que participaron un total de 8 persoas, xurdiron 3 proxectos, dúas empresas de agricultura ecolóxica, nas que traballan tres alumnos, e outras dúas alumnas que están a ultimar a posta en marcha dun proxecto de cultivo de plantas aromáticas coa idea de facer perfumería.

O Presidente, Darío Campos, destacou que “esta é primeira escola pública e gratuíta de horticultura ecolóxica de Galicia, un centro que se fixo realidade grazas á colaboración de Concello e Deputación, pois sabemos que a agroecoloxía é un camiño de futuro”. O Alcalde, Edmundo Maseda, agradeceu a colaboración da institución provincial neste “ambicioso proxecto que está a axudar a crear emprego”.

Sector en auxe

Os últimos datos oficiais amosan que o agroecoloxismo é un sector en auxe. Se atendemos ao valor das vendas de produtos agroecolóxicos, observase un crecemento dun 20,5%, o que xera un volume de negocio superior aos 31,2 millóns de euros. Hai un total de 850 explotacións profesionais de horta baixo cuberta en Galicia que ocupan 150 hectáreas de superficie e existen ao redor de 110 hectáreas ao aire libre dedicadas ao cultivo comercial, ás que se engaden outras 600 máis dedicadas ao cultivo de fabas e grelos. En xeral, os principais cultivos hortícolas en Galicia son a leituga, o tomate, as xudías e os pementos.

Ademais, o novo PDR de Galicia 2014-2020 outorga unha maior entidade á agricultura ecolóxica, ao desvinculala das partidas agro-ambientais e considerala fundamental por si mesma para o desenvolvemento rural.

7 de xaneiro de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.