publicidade hoxe

O DOG publica a modificación puntual do PXOM de Oroso que permite ampliar o enlace da AP-9 coa N-550

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se autoriza a modificación puntual do Plan xeral de Oroso, que permitirá a execución das obras para ampliar o enlace da autoestrada AP-9 coa nacional 550 (N-550) á altura do núcleo de Sigüeiro, que executará o Ministerio de Fomento.

A modificación sobre a cal informou a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo consiste na definición de ámbitos clasificados como solo urbanizable non delimitado que pasan a solo rústico de protección de infraestruturas (autoestrada), solo rústico de protección ordinaria e solo de núcleo rural. Ademais, tamén se modifica un ámbito que se considera espazo libre de dotación local do polígono empresarial (solo urbano), que pasa a solo rústico de protección de infraestruturas (autoestrada).

A ampliación da ligazón entre a AP-9 e a N-550 supón a redución de 10.930 m2 de zonas verdes no ámbito do Parque Empresarial de Sigüeiro (SAUI sector 1), xa executado, e a redución do seu longo a menos de 30 metros noutros 8.820 m2.

Non obstante, estas reducións compénsanse mediante a incorporación ao Plan xeral (PXOM) de 56.599 m2 de novos espazos libres de sistema xeral para executar un parque fluvial, adscritos ao ámbito urbanizable non delimitado contiguo.

A Comisión Superior de Urbanismo emitiu na súa última reunión, en decembro do pasado ano, un informe favorable sobre a modificación puntual, conforme o previsto no artigo 95.4 da LOUG.

Todos os concellos con planeamento

No ano 2009 eran 37 os concellos cun PXOM actualizado, agora xa son 83, o que demostra o traballo e esforzo realizado pola Xunta a prol do urbanismo, non só con asesoramento técnico, senón tamén con apoio económico con axudas á redacción de planeamento.

A modificación puntual sobre a que se informou no Consello que tivo lugar esta mañá é acorde cos obxectivos do Goberno galego de que os concellos conten coas ferramentas urbanísticas que lles proporcionen a maior e máxima seguridade para o desenvolvemento de todos os proxectos. Así, a Xunta ten por finalidade que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes retos a que dará resposta a nova Lei do solo.

A lei achega os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan básico autonómico e os plans básicos municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan básico municipal.

29 de xaneiro de 2016 | 18:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.