publicidade hoxe

O DOG publica a modificación puntual do PXOM de Dodro que permite a amplición das instalacións dunha fábrica de transformación de produtos do mar

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDodro
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se autoriza a modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Dodro, que permitirá a ampliación das instalacións dunha fábrica de transformación de produtos do mar. (http://bit.ly/23xhtR8) O obxecto da modificación puntual consiste na delimitación dun sector de solo urbanizable delimitado industrial, no cal se inclúe a industria existente e a súa ampliación e que inclúe a ordenación pormenorizada do ámbito.

Na actualidade o Concello de Dodro conta cun plan xeral que foi aprobado en decembro de 2010 e a modificación sobre a que se informou esta mañá afecta unha parcela de máis de 20.000 m2 (20.717), en parte ocupados polas instalacións dunha fábrica de transformación de produtos do mar, e lindeiros coa estrada autonómica AC-305.

Despois de analizar a documentación e de recompilar os informes técnicos necesarios, como os de Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas ou da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías das Información, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio considera que esta modificación atende a razóns de interese público e que están debidamente xustificadas. Neste aspecto coincidiron os membros da Comisión Superior de Urbanismo que, na súa última reunión en decembro do pasado ano, emitiron un informe favorable sobre a modificación puntual, aprobada provisionalmente polo Concello nunha sesión plenaria de setembro de 2015.

Todos os concellos con planeamento

No ano 2009 eran 37 os concellos cun PXOM actualizado, agora xa son 83, o que demostra o traballo e esforzo realizado pola Xunta a prol do urbanismo, non só con asesoramento técnico, senón tamén con apoio económico con axudas á redacción de planeamento.

A modificación puntual sobre a que se informou no Consello que tivo lugar esta mañá é acorde cos obxectivos do Goberno galego de que os concellos conten coas ferramentas urbanísticas que lles proporcionen a maior e máxima seguridade para o desenvolvemento de todos os proxectos. Así, a Xunta ten por finalidade que todos os concellos de Galicia conten con planeamento, que ademais é un dos grandes retos ao cal dará resposta a nova Lei do solo.

A lei proporciona os instrumentos necesarios para garantir que os 314 concellos de Galicia teñan o seu plan urbanístico e no prazo máis breve posible, grazas a medidas como: a simplificación do proceso, creando o informe único autonómico que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes sectoriais por separado; e tamén axilizándoo, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses.

Outra das medidas é a creación de novas figuras como o Plan básico autonómico e os plans básicos municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan básico municipal.

29 de xaneiro de 2016 | 17:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.