publicidade hoxe

O Concello do Grove inicia os trámites para a revisión da adscrición dos terreos de Portos na Praza do Corgo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Goberno Local trasladará ao pleno o vindeiro luns un expediente para iniciar o proceso de des-adscrición de parte dos terreos da Praza do Corgo que agora mesmo son titularidade de Portos de Galicia. Deste xeito, e se o expediente é aprobado, solicitarase que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da súa delegación en materia de Costas, a reversión da adscrición dos terreos referidos por non destinarse a fins portuarios. A referida solicitude vai acompañada dos informes técnicos xurídicos e urbanísticos que avalan a situación actual dos terreos.

Este proceso iníciase logo das conversas mantidas con Portos, onde se manifestou que este organismo non cedería estes terreos ao municipio. Debe terse en conta que, no momento actual, o Concello do Grove ten que facer un importante desembolso para manter esta zona a pesares de que non conta con ningún tipo de ingreso pola mesma. É dicir, Portos recada a correspondente taxa de ocupación por parte das terrazas e incluso polos inmobles municipais situados nestes terreos (edificio do Concello, Praza de Abastos, Casa da Terceira Idade e Pavillón Naútico) pero é o Concello do Grove o que se encarga do mantemento destes edificios e da zona en xeral, facéndose cargo da electricidade, subministro de auga, xardinería e limpeza da totalidade da zona. A todo isto deben engadirse os gastos adicionais que Portos recada polo uso destes terreos para festas ou eventos e, de xeito sistemático, polo mercado semanal que se celebra os venres polo que se están abonando case 2.000 euros mensuais.

Todo isto fai necesario normalizar a situación. Trátase dun proceso administrativo longo e complexo que debe ser levado de xeito parello a negociación con Portos para buscar solucións a un problema complexo. Inicialmente o proceso só contempla unha zona da Praza do Corgo e a zona do mercado e a Casa da Terceira Idade, atopándose o relativo a zona de Terra de Porto e de Beiramar en estudo por parte dos técnicos municipais para buscar solucións semellantes. 

20 de xaneiro de 2016 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.