O Concello de Malpica inicia as obras de urbanización da parcela do novo centro de saúde de Buño
Xa están en marcha as obras de urbanización exterior do centro de saúde de Buño. O proxecto foi adxudicado á empresa Construcciones López Cao SL por 60.318,50 euros, e inclúe a construción de beirarrúas, zona de aparcamento, accesos e áreas axardinadas. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, e o concelleiro de Obras e Servizos, Miguel Fernández, supervisaron o inicio dos traballos acompañados pola técnica municipal Patricia García Varela.
O Concello de Malpica complementa deste xeito o investimento realizado pola Consellería de Sanidade na construción do novo e moderno centro de saúde, que permitirá atender a unha poboación de 1.800 persoas. O edificio -cofinanciado nun 50% por fondos do Estado, dentro do Plan de Desenvolvemento Rural Sustentable- supuxo un desembolso de 624.810 euros, e a superficie que se construíu é de 524 metros cadrados. Conta cunha área médica con tres consultas de medicina xeral e unha consulta de enfermería; e unha área de administración cun arquivo, almacéns e outros servizos comúns, necesarios para o correcto funcionamento do centro.
Unha vez completadas as obras de urbanización e o equipamento, que corresponde á Xunta de Galicia, o centro de saúde de Buño poderá entrar en servizo xa nos primeiros meses deste ano.