publicidade hoxe

O centro ictioxénico de Carballedo soltou 190.000 exemplares de salmón durante o pasado ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCotobadeLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na visita ao centro ictioxénico de Carballedo

Beatriz Mato na visita ao centro ictioxénico de Carballedo

O centro ictioxénico de Carballedo, en Cotobade, soltou un total de 190.000 exemplares de salmón só en 2015, o que supón superar a media anual de 170.000 individuos ao ano que se viña rexistrando nas dúas últimas décadas.

Así o expuxo a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa visita a esta piscifactoría, na que destacou que todo este proceso está a acadar “unha importante porcentaxe de éxito”, como demostra o feito de que un de cada sete salmóns que remontan os ríos Ulla, Lérez, e Miño teñen a súa orixe neste centro.

Ademais deste relevante labor, Mato destacou que nos últimos anos estanse a ampliar os esforzos da piscifactoría coa troita autóctona galega, un tipo de troita coa que é máis complexo traballar debido a súa delicadeza. O obxectivo desta liña de actuación é consolidar esta instalación como banco de xenes de todas as liñas de troita galega, de forma que sempre se poida dispoñer dos exemplares necesarios e axeitados –isto é, a liña xenética propia de cada zona- para acometer unha repoboación.

De feito, en canto á relevancia das repoboacións, Mato lembrou que foi precisamente o traballo deste centro o que permitiu “dar un xiro” á situación que se detectou nas últimas décadas do século pasado cando se rexistrou un “preocupante” descenso de poboación de salmón atlántico –especie propia de Galicia- en toda a comunidade autónoma, e moi especialmente no Ulla, Limia e Lérez.

Este centro, no que a Consellería investiu 150.000 euros o pasado ano, é unha das tres piscifactorías autonómicas en funcionamento que dependen directamente da Xunta, xunto coa de Lugo –especializada tamén en salmón- e a de Carballiño, centrada na troita.

Reunión co alcalde

A titular do departamento autonómico aproveitou a súa estadía en Cotobade para reunirse co alcalde, Jorge Cubela, a quen lle comunicou que a Consellería ten previsto instalar nesta localidade un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, que se situará ao carón da piscifactoría, constituíndo así un complexo integrado. A previsión é iniciar de xeito inmediato a tramitación para a elaboración do proxecto e continuar con todos os procedementos ao longo deste ano, co obxectivo de poder poñelo en marcha en 2017.
O novo centro estará orientado á recuperación de aves silvestres, pero tamén contará cos recursos necesarios para o tratamento doutras especies como réptiles ou mamíferos. Un dos seus principais obxectivos será recuperar animais feridos e enfermos, e posibilitar o incremento da súa reintrodución no medio natural.

Por último, na xuntanza Mato e Cubela tamén trataron distintos proxectos en materia de saneamento, que agora o departamento autonómico avaliará co obxectivo de mellorar as infraestruturas e servizos do municipio.

13 de xaneiro de 2016 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.