publicidade hoxe

O Aldebarán ve unha posibilidade real facerse coa IX Copa Príncipe de volei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaSan Sadurniño
A-
A+
Presentación da competición

Presentación da competición

O salón de plenos do Concello acolleu este mediodía o acto de presentación da IX Copa Príncipe de volei que se disputará o sábado e mailo domingo no pavillón municipal. Nela daranse cita tres equipos da cabeza da SM2 -o Can Palma, o FC Barcelona e o Badajoz- que se medirán xunto co anfitrión nun torneo que pode cualificarse como a cita deportiva máis importante para o Aldebarán nos seus 23 anos de historia. As semifinais comezarán o sábado ás 17.30h. e a final xogarase o domingo ás 12.00h. O clube organizador encóntrase motivado e non fala da victoria como “unha sorpresa” senón como “unha posibilidade real”, tal e como asegurou o seu presidente, Juan Manuel García “Cobelo”, durante o encontro coa prensa ao que tamén asistiron Secundino García, a titular de Deportes, Sabela Íñiguez, e o presidente da Federación Galega de Volei, José A. Luna. As aspiracións do Aldebarán sostéñense, segundo García, nos bos resultados obtidos na primeira volta da liga.

Secundino García abriu a quenda de intervencións sinalando que para San Sadurniño “é unha honra acoller un evento deste nivel”, engadindo ademais que a organización da Copa Príncipe é “un orgullo” que se debe en grande medida “ao esforzo que fan día a día no Aldebarán” continuando un labor iniciado a finais dos anos setenta no colexio público polo profesor Manolo Seco, que a día de hoxe segue vinculado ao proxecto deportivo do voleibol local. 

Na mesma liña manifestouse o presidente da FGV, José A. Luna, quen cualificou a San Sadurniño como “núcleo do voleibol desde hai moitos anos”. Luna louvou a traxectoria do Aldebarán para “conseguir con traballo meter a cabeza no deporte de alto rendemento” e destacou o feito de que un concello de 3000 habitantes fose capaz de “arrebatarlle” a organización da copa “a grandes cidades como Palma de Mallorca e Leganés”, que este ano tamén presentaron proxectos para acoller o máximo trofeo da división de prata do volei estatal. O presidente da federación sinalou que o evento desta fin de semana “servirá para promocionar este deporte e continuar medrando”.

Pola súa banda, Juan Manuel García “Cobelo”, cualificou a disputa da Copa Príncipe como “un fito histórico” para o clube, que sairá á pista co obxectivo de “xogar e disfrutar”. Tanto el como Luna animaron a encher o pavillón de afección tanto o sábado como o domingo, tendo en conta que ser equipo organizador e xogar na casa son dous factores que poden decantar un resultado favorable para o Aldebarán que, segundo “Cobelo”, non sería unha sorpresa senón a confirmación do bo momento demostrado polo equipo durante a primeira volta da SM2.

A quenda de intervencións pechouna a Concelleira de Deportes, Sabela Íñiguez, quen lle agradeceu ao Aldebarán “o traballo desenvolvido na base a través das escolas” e a súa capacidade organizativa por traer a San Sadurniño “voleibol do máis alto nivel”.

A IX Copa Príncipe de Voleibol comezará o sábado ás 17.30h. coa disputa das semifinais. Estrearán a rolda o Can Ventura Palma -líder da Superliga maculina 2- e o F.C. Barcelona, que marcha en terceira posición. O segundo encontro, previsto para as 19.00h., será o que enfronte ao Aldebarán contra o Hotel Río Carnaval de Badajoz. Esta segunda semifinal promete ser intensa debido ao equilibrio de forzas demostrado na liga por ambos equipos, que marchan na clasificación separados por tan só un punto de diferenza. Como engadido, o Aldebarán tentará desquitarse da derrota sufrida en Estremadura na primeira volta da liga. Os vencedores do sábado disputarán a final o domingo a partir das 12.00h. tamén no pavillón municipal.

Como organizador do trofeo, o Aldebarán leva varias semanas traballando en aspectos loxísticos dunha cita que moverá a 70 xogadores, cadros técnicos, arbitraxe e numeroso público tanto local como de fóra. O club -tamén se leva movido moito para recabar apoio financeiro. Aos patrocinadores oficiais -Concello, Abanca, Deporte Galego/Xunta/Galicia Saudable, Deputación da Coruña, RFEV e FGV- uníronselle para a competición varias firmas de dentro e fóra de San Sadurniño, como é o caso de AGC Multimarca, Flores La Feria, Grupo Pena (Forestal Cando, Transpena Tembrás e Agrotenda), Equipamos Ferrol, La Unión, Begasucegsa e Ferrolterra Móvil-Renault Dacia

5 de xaneiro de 2016 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.