publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Nava Castro destaca o Entroido como un recurso que favorece a dinamización do territorio

Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla. Foto: A. Varela

Presentación do Entroido dos Xenerais da Ulla. Foto: A. Varela

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que hoxe participou no acto de presentación do Entroido dos Xenerais do Ulla, destacou que esta festa se converteu “nun recurso indispensable do Ulla que favorece a dinamización do territorio e contribúe á desestacionalización do sector turístico no inverno”, ademais de fomentar o coñecemento dos atractivos da zona.

Na súa intervención, Nava Castro referiuse aos distintos entroidos galegos como unha das celebracións de carácter lúdico máis importantes do inverno en Galicia destacando que grazas á “súa riqueza cultural, a súa vistosidade e o seu acervo atraen un gran número de asistentes e participantes”.

Neste senso, a titular de Turismo de Galicia lembrou que na actualidade son sete os entroidos galegos que exhiben a cualificación oficial de festa de interese turístico, aínda que existen outras vilas e cidades nas que esta celebración conta con gran tradición e arraigo.

Promoción dos entroidos

Nesta presentación do Entroido dos Xenerais do Ulla, Nava Castro referiuse tamén ás accións que desenvolverá o departamento que dirixe no que atinxe ao apoio e promoción desta festa nos distintos ámbitos turísticos.

Deste xeito, lembrou que ao longo desta semana, entre os días 20 e 24 de xaneiro, os profesionais do turismo e o público xeral que acuda á feira Fitur poderá visitar o módulo expositivo dedicado exclusivamente aos entroidos declarados de interese turístico en Galicia, sendo este “un dos mellores escaparates para dar a coñecer estas festas no ámbito internacional”, manifestou a directora de Turismo de Galicia.

Por outra parte, no relativo á difusión dos entroidos, Nava Castro engadiu que a Xunta de Galicia vai realizar e distribuír material de promoción a través de distintos medios de comunicación ao obxecto de comunicar a celebración desta festa. Ademais, subliñou, a isto “hai que engadir o material promocional específico sobre o Entroido que estará dispoñible nas oficinas de Turismo da Xunta e nas municipais”.

Neste ámbito, a directora de Turismo de Galicia tamén destacou a celebración, no mes de setembro, dun desfile dos personaxes de cada un dos entroidos galegos que contan coa distinción de festa de interese turístico, e que será “o punto de partida da promoción do Entroido 2017”.

No eido administrativo, Nava Castro referiuse tamén á publicación da orde de axudas anuais para o apoio, promoción e difusión das festas declaradas de interese turístico de Galicia e á sinatura de convenios de colaboración cos concellos onde se celebran as festas de interese turístico nacional e internacional.

Capacidade de convocatoria

Segundo manifestou a directora de Turismo de Galicia, “de todas estas accións beneficiarase o Entroido dos Xenerais do Ulla, que no 2013 cumpriu con todos os criterios precisos para a súa declaración como Festa de interese turístico de Galicia”.

Desde esta declaración –engadiu Nava Castro- “a súa popularidade e sona fixéronse máis acusadas se cabe e hoxe os xenerais e os correos a cabalo teñen unha grande capacidade de convocatoria nos oito concellos galegos polos que transcorren”.

Para a directora de Turismo de Galicia, esta zona do Ulla é un espazo onde ser entremesturan grandes reclamos que fan que a demanda turística da zona estea incrementándose.

Así, entre xaneiro e novembro, aloxáronse un total de 1.074.333 viaxeiros nos establecementos hoteleiros das Terras de Santiago e Deza. Isto supuxo un incremento do 11,7% en relación aos once primeiros meses do ano anterior.

As pernoitas tamén aumentaron neste período un 6,67%, alcanzando deste modo máis de 1.700.000. Este aumento da demanda traduciuse nun aumento da ocupación de 2,68 puntos porcentuais en relación ao pasado ano.

Tamén é significativo o incremento do 20% que se produciu nos viaxeiros estranxeiros alcanzando así, o mercado internacional un total de 512.955.

18 de xaneiro de 2016 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.