publicidade hoxe

Mos recibe un novo remolque para actuar en emerxencias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañada da concelleira de Emerxencias e Medio Ambiente mosense, Julia Loureiro, e o coordinador do Servizo Municipal de Emerxencias de Mos, Rodrigo Iglesias, recepcionou esta mañá un novo remolque dotado de todo tipo de material para o Servizo.

O remolque forma parte dunha subvención da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil mosense. Este remolque foi outorgado en concepto de cesión ó Concello de Mos pola administración autonómica. Esta axuda concedida pola consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia é cofinanciada pola Comunidade Europea a través dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder).

Segundo declararon os representantes municipais, “coa incorporación deste remolque ó parque móbil municipal lógrase unha mellora das infraestruturas e equipamentos de urxencias nos servizos municipais de Protección Civil e Emerxencias, para a protección e prevención de riscos no Concello de Mos”. Deste xeito espérase optimizar o labor da Agrupación mosense de Voluntarios de Protección Civil de Mos, que foi fundada no ano 2012 e a día de hoxe conta cun total de 29 integrantes, 4 mulleres e 25 homes. 

Destacaron tamén que “a prevención de riscos é un tema prioritario para esta administración local, polo que celebramos enormemente poder contar cun recurso material máis, como é este novo remolque, para garantir a mellora, protección e conservación dos nosos recursos naturais, sempre incidindo no incremento da eficiencia enerxética”, concluíron.

E é que o Concello de Mos é base de emerxencias de toda a comarca en temas de Medio Rural durante a tempada estival, sendo o centro neurálxico de accións que nada teñen que ver co labor dos bombeiros; así explicaba hoxe a alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, as melloras para o Servizo Municipal de Emerxencias solicitadas á conselleira de Medio Rural a semana pasada.

A rexedora local defende a súa xestión neste sentido e o seu xeito de gobernar “porque estou en todo o meu dereito, e podo facelo como alcaldesa, de decidir investir tempo e fondos, tal e como xa manifestéi no programa electoral, en implementar e reforzar o Servizo Municipal de Emerxencias; e, por ende, teño tamén dereito a pedir a colaboración doutras administracións para mellorar os medios propios deste Servizo Municipal”.

O Servizo Muncipal de Emerxencias de Mos coordina durante o verán as campañas contra incendios forestais de todo o Distrito Forestal 18, sendo o centro da Veigadaña a base de operacións e punto de reunión dos medios humanos que dan servizo a un total de 16 concellos que son Vigo, Mos, O Porriño, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Tui, Nigrán, Gondomar, Baiona, Tomiño, O Rosal, Salceda de Caselas, Soutomaior, Oia e A Guarda. Por iso dende a administración local mosense inténtase que a consellería de Medio Rural axude ó Servizo de Emerxencias de Mos económicamente ou mediante dotación de medios para dar un mellor servizo ó cidadán.

Tanto dende a Alcaldía mosense como dende o Servizo Municipal de Emerxencias non comprenden as críticas dos compañeiros do Parque de Bombeiros do Porriño, cando dende o Servizo de Emerxencias de Mos se lles axuda en todo o que se pode e colabórase con eles en todas aquelas carencias que puntualmente teñen.

Ademais prodúcense moitas emerxencias dentro do termo municipal de Mos ás que os bombeiros do Porriño non acoden por falla de medios. Tal é o caso de temporais que provocan maoitas árbores caídas, inundacións, etc. Dada a gran extensión territorial que cubren os bombeiros, son incapaces de dar resposta a estas necesidades para as cales o Servizo de Emerxencias é vital.

Dende o Servizo Municipal de Emerxencias de Mos considérase un sinsentido as belixerancias entre compañeiros e búscase en todo momento o bo entendemento entre servizos complementarios e non excluíntes, que deben estar compenetrados para dar unha mellor e maior cobertura á poboación. E é que o feito de que existan dous servizos, bombeiros por un lado e emerxencias polo outro, non é nada malo senón todo o contrario. O único que fai falla para que ambos funcionen óptimamente é a mutua colaboración e axudarse uns a outros. 

25 de xaneiro de 2016 | 20:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.