publicidade hoxe

Medio Rural comprométese a entregar os títulos da parcelaria de Maceda-Orois antes do verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+
A conselleira de Medio Rural na reunión coa alcaldesa de Melide

A conselleira de Medio Rural na reunión coa alcaldesa de Melide

Antes do verán farase efectiva a entrega de títulos da concentración parcelaria de Maceda-Orois, no concello coruñés de Melide. Este foi o compromiso asumido pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, coa alcaldesa deste municipio, Dalia García Couso, nunha xuntanza de traballo mantida por ambas en San Caetano.

Neste encontro acordaron impulsar este proceso para facer posible o seu remate, coa correspondente entrega de títulos aos propietarios das parcelas, nun prazo que non debe superar a chegada do verán.

A conselleira e a rexedora municipal tamén abordaron a posta en valor dos montes do municipio, a través de diferentes iniciativas. Así, Ángeles Vázquez comprometeu o seu apoio para organizar unha charla informativa por parte dos técnicos do Departamento autonómico destinada aos veciños sobre plantación de castiñeiros nos terreos forestais e creación de Sociedades de Fomento Forestal (Sofor).

Ademais, na xuntanza tratouse a solicitude, por parte da alcaldesa, dunha motobomba para reforzar a loita contra os incendios forestais, nun municipio especialmente colaborador nestas tarefas, tal como destacou a conselleira, xa que nos últimos anos contou con ata 3 brigadas dispostas en colaboración con Medio Rural para facer fronte a esta praga.

14 de xaneiro de 2016 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.