publicidade hoxe

Medio Ambiente crea o couto de pesca de Carboeiro no río Deza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilledaVila de Cruces
A-
A+

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, aprobou a creación do couto de pesca de Carboeiro, no río Deza. Así o recolle a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (http://bit.ly/1SLyYcv) da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se constitúe este terreo cercado para a pesca, có que se pretende mellorar a xestión destes tramos, conforme ao contido do Plan de Xestión das Augas Salmoneiras do río Ulla.

O novo couto estendese polos concello de Silleda e Vila de Cruces e ten unha lonxitude aproximada de 4 quilómetros. O seu límite superior está a 30 metros augas abaixo da restitución de auga da minicentral de Saídres; mentres que o inferior sitúase na desembocadura do río Orza. Clasifícase como couto de pesca sen morte e establecéronse un total de oito permisos diarios.

O expediente de creación do couto de Carboeiro foi promovido polo Servizo Provincial de Conservación da Natureza de Pontevedra e foi sometido a información pública, sen que se presentaran alegacións.

Por outra banda, a resolución publicada hoxe tamén aproba a modificación do límite superior do couto de Santeles, no río Ulla. Así, os límites desde couto –que discorre polos concellos da Estrada e Vedra- quedan fixados dende 100 metros augas abaixo da canle de Covelas (límite superior) ata a presa do muíño de Arnelas (límite inferior) polo que ten unha lonxitude de case dous quilómetros (1,88 km). As normas de funcionamento deste couto salmoneiro non experimentan cambios: o número de permisos diarios é de 8 e cando finaliza a tempada de pesca de salmón, pasa a ser couto de pesca sen morte.

Este cambio de límite supón unha pequena corrección dun erro de medicións no documento orixinal do Plan de Xestión das Augas Salmoneiras do río Ulla.

28 de xaneiro de 2016 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.