publicidade hoxe

López-Chaves visita aos alumnos do OOEE de Redondela que reciben formación en albanelería-cantería

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRedondela
A-
A+
López-Chaves na visita a Redondela

López-Chaves na visita a Redondela

O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, visitou esta mañá os 12 alumnos e alumnas da especialidade de albanelería-cantería que, no marco do Obradoiro de Emprego ´Redondela Ecosostible´, están a beneficiarse deste programa mixto de formación e emprego para persoas desempregadas concedido pola Xunta ao Concello de Redondela.

O Obradoiro de Emprego ´Redondela Ecosostible´ comezou no mes de agosto no Pazo Pousadouro e ofrece formación e emprego durante 6 meses a un total de 20 alumnos e alumnas en dúas especialidades: agricultura ecolóxica e albanelería-cantería.

Esta mañá, delegado e alcalde comprobaron de primeira man o traballo feito na especialidade de albanelería-cantería na parroquia de Cedeira. O monitor da especialidade, Juan Vázquez, explicoulles o labor que se levou a cabo durante os últimos meses e que a actuación se atopa nestes momentos sobre o 85% da execución. Na visita tamén estivo presente a concelleira de Urbanismo, Benestar Social, Desenvolvemento Local e Servizos Sociais, María del Carmen Amoedo, quen explicou que o obxectivo do proxecto é a restauración da antiga escola de Cedeira, antigamente en ruínas, e que, unha vez recuperada, está previsto que se destine a uso social dos veciños e veciñas da zona.

López-Chaves gabou o traballo feito no atrio da igrexa de Cedeira ademais de sinalar a “enorme preocupación” que para a Xunta de Galicia ten a xeración de emprego. “Ver esta formación e o resultado amosa que é un orzamento moi ben investimento”, considerou.

Xunta e Concello fan posible este programa mixto cun orzamento total de 230.000 euros sendo a subvención económica da Administración autonómica dun 77,3%, é dicir, máis de 178.000 euros. A achega municipal é así de 51.000 euros. Esta iniciativa abre un importante espazo de colaboración administrativa no marco da aposta da Xunta de Galicia pola eficiencia e optimización dos recursos.

Este Obradoiro de Emprego alterna así a formación co traballo ou a práctica profesional en dúas especialidades que redundarán positivamente nos participantes. Deste xeito preténdese unha dobre vertente: que as persoas desempregadas consigan aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional. Ademais, perciben o salario mínimo interprofesional toda vez que reciben formación para que logren una reinserción laboral posterior.

A outra especialidade: Agricultura Ecolóxica

No marco do OOEE ´Redondela Sostible´, na outra especialidade de Agricultura Ecolóxica se forman 8 alumnos que, entre outras accións, realizan traballos de explotación agrícola de produtos de horta de base ecolóxica no Pazo Pousadouro. Mentres, noutras fincas (na antiga escola de Saxamonde, na finca Pexegueiro, nos Eidos e na Coutada) realizan labores de froiticultura que consisten na preparación do terreo, plantación de frutais, labores de poda e inxerto.

28 de xaneiro de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.