publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca que o programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño” supón unha aposta polo rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMelide
A-
A+

Ethel Vázquez destacou hoxe que o programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño’ supón unha auténtica “aposta polo rural” que no Concello de Melide contribuirá a fixar poboación e á xeración de emprego. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, mantivo hoxe unha reunión de traballo coa alcaldesa de Melide, Dalia García, na que se abordaron diversos asuntos de interese para o concello.

No encontro tratouse a recente posta en marcha das axudas da Xunta para a rehabilitación integral das vivendas que se atopen situadas naqueles concellos polos que transcorra algún dos sete Camiños de Santiago recoñecidos. O programa ‘Vivendas do Camiño’ conta neste ano 2016 cun orzamento nas Contas da Xunta dun total de 3,2 millóns de euros e terá unha importante repercusión neste municipio de Melide, no que conflúen os Camiño Francés e Primitivo.

A conselleira destacou que estas axudas permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e a accesibilidade dos seus fogares e incrementar aínda máis a beleza dun contorno xa de por si excepcional.

Máis bonificacións no solo industrial

Por outra parte, Vázquez trasladoulle á alcaldesa que a Xunta iniciará en breve os trámites para incrementar a bonificación naquelas parcelas do polígono industrial que polas súas características, dimensión irregular, teñen peor aproveitamento e unha maior dificultade para a venda.

Con esta medida o Goberno galego mostra o seu compromiso cos empresarios de Melide, ao atender a súa demanda co fin de fomentar o desenvolvemento económico e social deste municipio.

A Xunta, con esta decisión, trata de ofrecerlle as máximas facilidades a aqueles emprendedores que queren desenvolver os seus proxectos empresariais no polígono de Melide, contribuíndo á creación de actividade económica e á xeración de emprego nesta zona.

18 de xaneiro de 2016 | 20:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.