publicidade hoxe

Ethel Vázquez destaca a oportunidade para o emprego e a calidade de vida no rural do programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda subliñou hoxe a oportunidade para o emprego e a calidade de vida no rural que representa o programa de rehabilitación ‘Vivendas do Camiño’, que prevé axudas de ata 11.000 euros por inmoble para os 107 concellos que integran a Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago. Ethel Vázquez presentou hoxe en Palas de Rei esta liña de subvencións aos representantes dos concellos polos que transcorren os camiños Francés e Primitivo, nun acto no que tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias.

Na súa intervención, a conselleira destacou que estas axudas, ás que a Xunta destina máis de 3 millóns de euros e que inducirán investimentos por importe de 9 millóns, suporán a creación de postos de traballo, contribuirán a pór en valor a paisaxe galega -e, en concreto, o símbolo da identidade da Comunidade que é o Camiño de Santiago-, e permitirá mellorar as condicións de vida de moitas vivendas.

Resaltou que a rehabilitación de vivenda é o tipo de obra que máis emprego xera por euro investido – máis do dobre que unha obra de estradas, por exemplo –, e indicou que con estas axudas se apoiará a reforma de infravivendas do rural e a mellora do illamento, o reforzo da seguridade e a eliminación de barreiras arquitectónicas.

Vázquez Mourelle explicou que estas axudas autonómicas permiten o financiamento do 35% de obras de rehabilitación nos Camiños de Santiago cun máximo de 11.000 euros por vivenda, e informou de que as bases reguladoras xa están publicadas, polo que xa se poden comezar as obras e a convocatoria de axudas está prevista para o vindeiro mes de marzo.

Na súa intervención, a conselleira avanzou que a partir da vindeira semana, un equipo técnico visitará cada un dos concellos para explicar “ata o máis mínimo detalle” tanto sobre as obras que se poden acoller a este programa de axudas como sobre o procedemento para solicitalas.

Cómpre lembrar que os municipios situados no Camiño Francés son: Pedrafita do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino e Santiago de Compostela; e no Camiño Primitivo: A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Guntín, Friol e Toques.

Trátase de investimentos coordinados dende o Plan Director dos Camiños de Santiago no que se implicou a Consellería de Infraestruturas de Vivenda: tanto dende o punto de vista da rehabilitación como dende o punto de vista das estradas, posto que se están a redactar proxectos de mellora da seguridade viaria para diversos puntos do Camiño Francés, obras para as que xa se reservaron 250.000 nos orzamentos de 2016.

Unha aposta pola imaxe da Ruta Xacobea

Pola súa parte, a directora de Turismo de Galicia destacou que o Camiño de Santiago proxecta a imaxe de Galicia por todo o mundo sendo un dos símbolos máis consolidados da imaxe da nosa comunidade no exterior. Nava Castro destacou a importancia de impulsar iniciativas como o Programa de Vivendas do Camiño a prol da homoxeneización e harmonización da Ruta Xacobea.

Neste sentido, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia á modificación do Manual de Sinalización Turística de Galicia que engadiu o apartado correspondente á imaxe e sinalización do Camiño de Santiago. “A través desta nova normativa definimos e delimitamos os elementos gráficos e diferentes aplicacións do Camiño adoptando unha medida pioneira que responde as recomendacións elaboradas no seu día polo Consello Xacobeo”, afirmou.

En relación a esta nova normativa, Nava Castro incidiu en que a nova sinalización mantén as históricas mouteiras do Camiño e a frecha amarela creada por un dos grandes impulsores da peregrinación xacobea, Elías Valiña. Así mesmo, engadiu que en puntos emblemáticos como O Cebreiro estanse a colocar unhas mouteiras simbólicas como conmemoración das colocadas no ano 1986.

29 de xaneiro de 2016 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.