publicidade hoxe

Estréase en Galicia a primeira versión para marionetas da obra de Castelao “Os vellos non deben de namorarse”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioPontevedraPontevedraRianxo
A-
A+

Pontevedra e Rianxo acollerán este próximo sábado a estrea en Galicia da que é a primeira versión para marionetas da obra teatral “Os vellos non deben de namorarse” de Castelao. Trátase da nova produción da compañía de monicreques Fantoches Baj, con cuxa estrea tanto a Deputación Provincial de Pontevedra, como o concello natal de Castelao, Rianxo, iniciarán os actos conmemorativos do Ano Castelao 2016, do centenario da chegada do autor á cidade do Lérez e do 75 aniversario da estrea da que foi a súa única obra teatral.

A estrea da adaptación a marionetas de “Os vellos non deben de namorarse” presentouse hoxe en rolda de prensa no Museo de Pontevedra e os primeiros pases da representación, abertos a todos os públicos, terán lugar o sábado 30 de xaneiro ás 12 horas no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra e o mesmo día, sábado 30 de xaneiro, ás 20:30 horas no Auditorio de Rianxo. En ambos lugares da estrea a función será de balde. En Pontevedra as entradas convite poden retirarse xa calquera destes días pasando polo propio Sexto Edificio do Museo; e en Rianxo, as entradas convite poden retirarse desde unha hora antes do comezo da función, no propio Auditorio municipal.

“Os vellos non deben de namorarse” de Fantoches Baj está dirixida por Inacio Vilariño e para deseñar os bonecos, tarefas da que se encargou o propio Inacio e o artesán e artista Luis Javier Iglesias Rodríguez “Luchi”, a compañía inspirouse no método de elaboración de máscaras do propio Castelao.

A partir desta semana, a obra estará en distribución co obxectivo de chegar ao público de todos os concellos de Galicia.

26 de xaneiro de 2016 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.