publicidade hoxe

Cores Tourís visita Forcarei para avanzar nas axudas do Fondo de Compensación Ambiental

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcarei
A-
A+
Cores Tourís na visita ao Concello de Forcarei

Cores Tourís na visita ao Concello de Forcarei

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello de Forcarei para anunciar públicamente a nova liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental publicada recentemente no DOG e que conta cunha asignación de 11 millóns de euros.

Tal e como lle explicou o delegado territorial á alcaldesa da localidade, Belén Cachafeiro, o anuncio da apertura desta liña de axudas “realízoa neste concello xa que se trata do que máis número de aeroxeneradores ten de toda a nosa provincia, en total 95”.

Cores Tourís destacou que o pasado 28 de decembro publicouse a nova orde que expón os requisitos e criterios de repartición das subvencións da liña en concorrencia non competitiva e competitiva do ondo de Compensación Ambiental para o 2016. “A asignación inicial do FCA para o 2016 é de 11 millóns de euros”, explicou o delegado territorial, “6,6 en concorrencia non competitiva e 1,5 en competitiva, ademais de outros 3 millóns para actuacións específicas de protección do ambiente, incluídas aquelas que teñan por obxecto a prevención, extinción e xestión de situacións de sinistro ou risco”.

Neste sentido, Cores Tourís recordou que a convocatoria de 2015 supuxo un investimento nesta provincia de 1,2 millóns dos cales 829.000 euros corresponderon á liña non competitiva e 400.000 á competitiva.

O responsable territorial da Xunta recordou que este tipo de axudas representan un beneficio para os seus cidadáns, xa que subvencionan iniciativas de mellora do entorno e conservación do medio ambiente; e contribúe ao reequilibrio territorial, posto que a meirande parte dos beneficiarios, un 99%, son concellos pequenos e do interior, como é o caso de Forcarei.

E aproveitando este anuncio, o delegado analizou coa alcaldesa da localidade as obras realizadas ao abeiro deste Fondo, e que permitiron executar o saneamento do lugar de Guisande, na parroquia de San Miguel de Presqueiras.

En concreto, destináronse 155.000 euros para a mellora do saneamento do núcleo rural de Guisade, en San Miguel de Presqueiras.

Esta obra permitiu definir unha rede de saneamento neste núcleo que evacúa as augas residuais xeradas neste lugar cara a un punto de vertido, que neste caso é conexión cun punto intermedio nun dos pozos existentes na rede de Outeiro, “que xa se atopa conectada a unha estación depuradora situada á saída do núcleo nesta mesma parroquia, á marxe dereita do vial de Outeiro a San Miguel”, explicou Cachafeiros.

Deste xeito, a obra de saneamento creou a servidume de mantemento na rede de canalización de augas residuais, composta de condutos e pozos, nas propiedades nas que se traza ésta, e que, neste caso, descorren en xeral por viais públicos.

Para a execución dos traballos, escaváronse os terreos, cortouse o pavimento e realizáronse foxos en terreos compactos, recheando os mesmos con material seleccionado en capas de ata 25 cm de grosor. Instaláronse canalizacións de saneamento de PVC con diámetros de entre 200 mm e 315 mm e creouse un pzo de rexistro circular, repoñéndose o firme flexible para calzada de tráfico medio.

Pola súa banda, Cores Tourís lembrou que o Fondo procede do canon eólico e leva xa seis anos, contando co 2016 que comeza, beneficiando aos concellos galegos con explotacións eólicas a través de pequenas obras, pero moi necesarias para acceder a servizos que antes non existían.

O Fondo de Compensación Ambiental foi unha iniciativa posta en marcha en 2010 polo Goberno galego que permitiu por vez primeira aos concellos galegos beneficiarse directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia; posto que se financia a través do canon eólico.

“Esta liña de axudas permite aos concellos sufragar actuacións que revistan natureza produtiva e xeradora de emprego”, engadiu Cores Tourís. Dende que se puxeron en marchas as axudas, máis de 220 concellos de toda Galicia se teñen beneficiado delas; permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos das explotacións eólicas, cun investimento global de máis de 40 millóns de euros..

Ademais, este Fondo reflicte o compromiso da Xunta: co medio ambiente -está dirixido a actuacións ambientais-, coas facendas locais, xa que representa un importante ingreso para as arcas municipais; e por último co reequilibrio territorial, xa que a maioría dos concellos beneficiados atópanse en zonas rurais do interior de Galicia.

4 de xaneiro de 2016 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.