publicidade hoxe

Cores Tourís visita a nova nave de xestión de residuos do concello da Lama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello da Lama para comprobar o remate da nova nave de xestión de residuos deste municipio executado no seu polígono grazas a orde de axudas da Consellería de Economía e Industria que permite mellorar a competitividade dos parques empresariais de Galicia.

O delegado territorial estivo acompañado do alcalde da localidade, Jorge Canda, e do xefe territorial de Economía e Industria, Ignacio Rial.

Segundo apuntou José Manuel Cores Tourís, grazas á liña de axudas de 2015, puidéronse desenvolver 8 proxectos na provincia de Pontevedra cunha subvención global que superou lixeramente os 590.000 euros. Así, executáronse obras de mellora de infraestrutura, beirarrúas, eficiencia enerxética, instalación de sistemas de vixilancia e acondicionamento de accesos nos concellos de Ponte Caldelas e A Lama en la comarca de Pontevedra; Vila de Cruces e Lalín no Deza; A Cañiza e Arbo no Condado e A Paradanta; Moraña na comarca de Caldas e Vilanova na de Arousa.

No caso do concello de Ponte Caldelas, levouse a cabo a mellora da eficiencia enerxética na iluminación do polígono de A Reigosa para o que este concello recibiu 47.699,17 euros; e na Lama, a obra que se executou con cargo a liña de 2015 consistiu na construción dunha nave para a xestión de residuos, cunha axuda de 119.923 euros e un investimento global de 149.903,78 euros.

En relación á obra hoxe visitada, o responsable territorial destacou que se trata dunha infraestrutura que permitirá xestionar os residuos producidos neste concello e que servirá, tamén, para gardar e almacenar de xeito seguro os utensilios e a maquinaria usados na recollida do lixo.

“Acabamos ademais de publicar a nova orde para 2016, no DOG do 30 de decembro, polo que o Goberno galego volveu a reiterar a súa aposta polos concellos como administración máis próxima aos cidadáns, impulsando unha liña que permitirá mellorar a súa actividade industrial, xerando postos de traballo e mellorando a competividade do tecido empresarial galego”, tal e como avanzou hoxe o delegado territorial da Xunta en Pontevedra.

Nesta nova convocatoria, o programa permitirá, un ano máis, impulsar actuacións en eidos diversos como o aforro e a eficiencia no gasto enerxético, a creación de novas plantas de depuración de augas, a xestión de residuos, os viais ou a instalación de sistemas de seguridade e vixilancia”, explicou o delegado territorial.

O programa, que conta cun orzamento de 3,8 millóns de euros, prevé apoios de ata o 80% do custo subvencionable, cun máximo de 120.000 euros por solicitude. Unha cantidade que se incrementará ata o 95% e os 180.000 euros no caso de agrupacións de concellos. Desta forma, como sinalou Cores Tourís, colabórase coas administracións locais, primando unha xestión compartida que posibilita unha redución de gastos nas arcas municipais, facilitando a xeración de postos de traballo e o incremento da competitividade do tecido empresarial.

Así mesmo, e para facilitar aos municipios a modernización dos seus parques empresariais, permitirase o pago de anticipos de ata o 25% da axuda concedida. Faise así accesible a posta en marcha de actividades que incrementan a calidade destas infraestruturas.

21 de xaneiro de 2016 | 19:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.