publicidade hoxe

Asunción Morgade é elixida de novo alcaldesa de Rairiz de Veiga

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRairiz de Veiga
A-
A+
Europa Press

Asunción Morgade prometeu “corrixir erros” e máis diálogo coa oposición, despois de ser investida de novo como alcaldesa de Rairiz de Veiga cos votos dos sete concelleiros do seu grupo. O voceiro socialista, Pablo Lorenzo, ofreceu o seu respaldo á alcaldesa sempre que se afaste da figura do anterior alcalde, Xaquín Rodriguez.

O Concello de Rairiz de Veiga acolleu este xoves un pleno especial no que se repetiu a elección de alcaldesa despois de que un informe da secretaria municipal declarase nula “por graves defectos de forma” a votación na que Morgadae saíra elixida o pasado 15 de decembro.

Nunha sesión cordial e moi rápida, os sete concelleiros vinculados á alcaldesa mostraron o seu respaldo á candidatura de Asunción Morgade, mentres que os dous socialistas votaron en contra.

A nova alcaldesa mostrou o seu desexo de “estar á altura das circunstancias” e prometeu todo o seu esforzo e dedicación para iniciar unha “nova etapa” no Concello de Rairiz.

“Espero non defraudar”, sinalou a que aos seus 19 anos é a alcaldesa máis nova de España. Durante o seu discurso de investidura Morgade destacou a súa intención de corrixir erros do pasado e para “deixar abertas as portas ao diálogo” coa oposición.

Pola súa parte, o voceiro dos socialistas, Pablo Lorenzo, desexou “sorte” á nova alcaldesa e quixo tenderlle a man “sempre e cando Xaquín Rodríguez deixe de aparecer polo Concello”.

Lorenzo pediu a alcaldesa que deixe de ser a “marca branca de Xaquín” e marcoulle unha folla de ruta en distintas cuestións que a súa agrupación política considerou fundamentais para resolver.

“TRANSPARENCIA”

“Pídoche transparencia na xestión das contas, abrir ventás, sacudir alfombras e sacar do aire o escurantismo político que reinou neste concello durante máis dunha década”, reclamou Lorenzo.

O voceiro socialista animou á nova edil a facer unha auditoría das contas do Concello e a facela pública no Pleno “para que os veciños saiban a situación na que Xaquín deixou o Concello”.

Pero, ademais referiuse a cuestións como as dificultades económicas dos maiores do Concello para entrar no Centro da Terceira Idade ou a negociación con A Banca dunha oficina local para evitar que os maiores teñan que estar á intemperie á espera do autobús que os levará ás oficinas noutras poboacións da bisbarra. Ao respecto, Morgade asegurou o voceiro socialista que terá en conta as súas propostas.

21 de xaneiro de 2016 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.