publicidade hoxe

As obras de mellora na piscina climatizada da Ramallosa obrigan a pechar o vaso ata 17 de xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo está coordinando obras na piscina municipal climatizada da Ramallosa que obrigan a ter o vaso pechado ata o 17 de xaneiro. Dende o Concello xa se acordou compensarlle aos usuarios as molestias causadas por este peche técnico cun desconto na cota do mes de febreiro.

Os traballos que se están executando son de impermeabilización do vaso para evitar filtracións de auga e veñen a subsanar defectos de obra imputables ao constructor da mesma. De feito o Concello estaba xa nun proceso inminente de incautación do aval para poder arranxar esta situación. Diante desta posibilidade a empresa construtora decidiu acometer os traballos. Estanse solucionando as filtracións no lateral para o que houbo que levantar a estrutura de recollida de augas. A previsión inicial de peche estaba prevista ata o día 6 pero a propia complicación da obra e a necesidade de que a deficiencia quede arranxada de xeito definitivo obriga a mantelo ata o día 17 de xaneiro. Segundo destacan dende os servizos técnicos son arranxos imprescindibles para garantir a calidade futura da instalación. A intención é que con estas obras esta problemática quede subsanada de xeito definitivo.

O peche aféctalle exclusivamente ao vaso manténdose aberta e funcionando con normalidade o resto da instalación. O ximnasio e as salas para actividades pódense seguir usando sen ningún problema. Durante estes días as persoas abonadas en Teo tamén poderán facer uso da piscina municipal de Brión como xa se fai no verán cando se fan peches de mantemento, unha circunstancia facilitada polo feito de que a empresa concesionaria das dúas instalacións públicas é a mesma.

Reducción económica da cota 

Dende o Concello de Teo e á vista dos inconvintes que supón esta situación de peche acordouse unha reducción da cota do mes de febreiro dos/as usuarios/as. Concretamente farase de xeito automático unha reducción do 20% da cota do próximo mes polas molestias causadas por estes días de peche. No caso das persoas que asistan a algún curso na piscina farase o desconto da parte proporcional dos días que non puido asistir no custe mensual da actividade. A reducción farase sen necesidade de reclamación previa. 

Cabe destacar que a coordinación dos traballos lévase dende o Concello e a empresa concesionaria do servizo non é responsable desta situación nin das molestias que pode causar o peche do vaso. 

7 de xaneiro de 2016 | 13:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.