publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As obras de mellora do firme en travesías Leiro, Cea, Carballiño e Ribadavia realizaranse este ano

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Leiro

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Leiro

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzoulle hoxe ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, que a Xunta de Galicia realizará este ano as obras de rehabilitación do firme nas travesías da OU-209 e da OU-188 neste concello.

Avanzou que, xunto con isto, se actuará na OU-187 en Cea; na OU-172 en Carballiño e na travesía Valdepereira en Ribadavia.

Estas actuacións, que se licitarán este xoves, 7 de xaneiro, terán un orzamento de case 450.000 euros e contarán cun prazo de execución de 6 meses, sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan.

Con estas accións búscase mellorar a seguridade da circulación e a durabilidade do firme, tal e como indicou a conselleira de Infraestruturas, posto que “manter as estradas nun bo estado de conservación redunda no incremento da seguridade viaria, un dos obxectivos prioritarios do Executivo autonómico”.

“Estes son os principais motivos polos que se levarán a cabo as actuacións de reforzo de firme como as que imos executar en Leiro e que hoxe lle presentei ao alcalde na reunión que acabamos de manter”, aclarou.

Estas obras contarán cun investimento próximo aos 240.000 € e sumaranse a outras actuacións que testán proxectadas en distintas vías pertencentes á rede secundaria da xunta das comarcas do ribeiro e do carballiño, polo que, en total imos destinar preto de 450.000 € ao mantemento de estradas destes catro municipios.

Finalmente, Ethel Vázquez subliñou que “con estas obras obterase seguridade viaria e maior comodidade para o conxunto dos usuarios, sobre todo, para os máis de 23.000 veciños destes concellos ourensáns”.

Leiro

No Concello de Leiro actuarase en dúas estradas, a OU-209 e a OU-188. Na OU-209, na travesía de Leiro, observouse a existencia de varias zonas onde o firme está bastante degradado, polo que é necesario realizar un fresado e a eliminación da capa de rodadura. Posteriormente, reporase o firme eliminado con mestura bituminosa en quente e se estenderá en toda a superficie da calzada da travesía, co fin de mellorar as características superficiais do pavimento.

Nesta mesma estrada, nos treitos entre as interseccións coa OU-504 e a travesía, concretamente, nos puntos quilométricos 0+060-2+712 e os.3+540-3+970, proxectouse a execución dunha capa de microaglomerado en frío en toda a superficie da calzada para selar as gretas existentes.

Así mesmo, na travesía da OU-188 en Leiro proponse a colocación dunha nova capa de rodadura en todo o ancho da mesma como medida de rehabilitación superficial, dado que a súa superficie está agretada e a rodadura presenta irregularidades.

San Cristovo de Cea e Carballiño

Proxéctanse actuacións para a rehabilitación do firme e para a mellora da drenaxe na OU-187, en Cea. As accións de reforzo de firmes son as seguintes: execución dunha nova capa de rodadura nas interseccións coa N-525; execución dunha capa de microaglomerado en frío no tramo comprendido entre o P.K. 0+060-0+620; e dunha nova capa de rordaura no treito de travesía comprendido entre o P.K. 0+620-1+520. As actuacións para a mellora do drenaxe da estrada serán a limpeza de marxes; execución de gabias de seguridade; e a reposición dunha tubaxe de pluviais de PVC

No Concello do Carballiño mellorarase o firme da OU-172. Neste vial planeáronse actuacións para o reforzo do firme e para a mellora da drenaxe. As accións de reforzo de firmes consistirán na colocación dunha capa de mestura en quente en toda a plataforma da estrada, xa que se atopa fisurada. Para a mellora da drenaxe da vía realizarase a limpeza de marxes e execución de gabias de seguridade e transitables en certos tramos da estrada.

Travesía de Valdepereira

Esta travesía, situada no Concello de Ribadavia, está deteriorada superficialmente. Por este motivo, proxectouse o reforzo de firmes de toda a superficie da travesía. Así mesmo, proxecta a reposición das marcas viais.

5 de xaneiro de 2016 | 13:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.