publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia con axudas para investimentos en tecnoloxías, procesado, mobilización e comercialización no sector forestal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTrabada
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita a Trabada.

Ángeles Vázquez na visita a Trabada.

A Xunta apoia os investimentos en tecnoloxías forestais, procesado, mobilización e comercialización de produtos forestais. Só neste ano 2016 a Consellería do Medio Rural destina un total de 10 millóns de euros ás axudas para impulsar estes procesos, das que poden beneficiarse pequenas e medianas empresas do sector forestal. Así o destacou hoxe a conselleira Ángeles Vázquez na súa visita a dúas destas empresas nas localidades lucenses de Trabada e Vilalba, concretamente Laminados Villapol e Maderas Goiriz.

A titular de Medio Rural explicou que os obxectivos principais desta liña de subvencións son os de fomentar a competitividade do sector forestal, garantindo a xestión sostible dos recursos naturais e a acción polo clima. Tamén se busca lograr un desenvolvemento territorial equilibrado das economías e comunidades rurais, incluíndo a creación e conservación de emprego.

Os posibles beneficiarios destas achegas son todas aquelas pequenas e medianas empresas do sector forestal radicadas en Galicia e inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor). Ademais, deberán acreditar a súa viabilidade económica, cumprir coa normativa ambiental e ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.

Entre as actividades que poden ser obxecto destas axudas atópanse os investimentos para promover a valorización e comercialización de produtos derivados dos aproveitamentos forestais; así como os investimentos en maquinaria e equipos para o aproveitamento dos produtos forestais. Tamén os custos relacionados coa mobilización, comercialización e transformación da madeira, incluídas as operacións de traballo antes do serrado industrial nunha fábrica de serrado (serrado móbil ou fixo a pequena escala) e a produción de material para a xeración de enerxía (produción a pequena escala de achas ou de pellets).

Ademais, tamén poden recibir apoio as tecnoloxías de viveiros forestais a pequena escala e os mecanismos para a produción de materiais forestais de reprodución; así como a implementación de plans empresariais con criterios de xestión forestal sostible e axuda ás cadeas de custodia dos sistemas de certificación forestal.

22 de xaneiro de 2016 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.