publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A vista de apelación do caso Asunta fíxase para o 23 de febreiro

Europa Press

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixou para o próximo 23 de febreiro a celebración da vista de apelación da sentenza polo asasinato de Asunta Basterra. Segundo lembrou o alto tribunal galego, as defensas dos dous condenados, os pais da nena, presentaron senllos recursos de apelación contra a sentenza ditada pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede en Santiago, que os condenou a 18 anos de prisión por un delito de asasinato coa agravante de parentesco.

De conformidade co veredicto de culpabilidade emitido polo xurado popular o pasado 12 de novembro, a sentenza considerou probado que os acusados, de común acordo, forneceron repetidamente á súa filla, desde polo menos tres meses antes do seu falecemento, un medicamento que contiña lorazepam.

O mesmo fármaco, de acordo coas conclusións do Tribunal, déronlle o día do seu falecemento antes de asfixiala na vivenda familiar que posuían na localidade de Teo, algo que anulou a súa capacidade de defenderse.

O cadáver de Asunta foi localizado nunha pista forestal de Feros, en Teo, na madrugada do 22 de setembro de 2013. A autopsia confirmou posteriormente que morrera na tarde do día 21 por asfixia por sofocación e que non fora agredida sexualmente.

“SEN PROBAS DE CARGO”

A avogada de Alfonso Basterra, Belén Hospido, recorreu a sentenza nun escrito no que pedía a absolución do seu defendido por ser condenado “sen proba algunha de cargo válida” e obviando “contraindicios relevantes”. De feito, a letrada considerou no recurso que se vulnerou o “dereito á presunción de inocencia” de Basterra e que, dada a argumentación do veredicto e a “falta de probas”, exerceuse unha “presunción de culpabilidade” contra el.

Así mesmo, o recurso alertaba das “quebrantado normas e garantías penais” antes e durante o proceso, algo que xerou “a efectiva indefensión” de Alfonso Basterra, polo que pediu que a causa fose devolta á Audiencia Provincial para a “celebración dun novo xuízo”.

Entre as cuestións que a avogada considerou que xeraron “indefensión” para Alfonso Basterra está a “publicidade das sesións” e a súa “retransmisión” a través dos medios de comunicación, algo que favoreceu un “xuízo paralelo” e puido contaminar ás testemuñas.

A maiores, a letrada criticou tamén as instrucións dadas polo presidente do tribunal, Jorge Cid Carballo, ao xurado popular para a súa deliberación, e a inclusión na sentenza, no capítulo de feitos probados, de afirmacións “prexudiciais” para Alfonso Basterra que “non foron incluídas no veredicto”.

“FALTA DE PROBAS”

Pola súa banda, o letrado de Rosario Porto, José Luís Gutiérrez Aranguren, tamén recorreu a sentenza pedindo a absolución da nai de Asunta por “falta de probas” e adiantando que, pola contra, reclamaría a “nulidade do xuízo”.

As alegacións de Gutiérrez Aranguren neste documento baseáronse en pedir “a absolución” da súa defendida en base á “vulneración do dereito á presunción de inocencia” e a “inexistencia de probas de cargo” contra ela.

No caso de que non se acolla esta pretensión, o letrado apuntou tamén que pediría a nulidade do xuízo por considerar que non se seguiu correctamente o procedemento e que se vulnerou a presunción de inocencia da condenada.

13 de xaneiro de 2016 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.