publicidade hoxe

A maioría de concellos da área metropolitana da Coruña comprométense a apoiar unha iniciativa conxunta no marco da convocatoria europea de Estratexias de Desenvolvemento Urbano Sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoBergondoCambreCarralCulleredoLocal PortadaOleirosSada
A-
A+
Reunión dos rexedores

Reunión dos rexedores

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, reuniuse este xoves con representantes dos diferentes concellos da área metropolitana. No encontro, mantido no Pazo de María Pita, cos e coas rexedoras de Bergondo (Alejandra Pérez), Culleredo (Xulio Sacristán), Arteixo (Carlos Calvelo), Sada (Benito Portela), Oleiros (Ángel García Seoane) e Carral (José Luis Fernández Mouriño), así como con concelleiros de Cambre de Abengondo, o rexedor coruñés presentou e explicou os contidos do proxecto do Goberno local da Estratexia Integrada de Desenvolvemento Urbano Sostible (EIDUS) de cara a recabar o apoio do resto de concellos e “contribuir a artellar unha estratexia compatible e común para toda a comarca”. A maioría de municipios manifestáronse dispostos a apoiar e colaborar coa proposta e liñas de traballo marcadas polo executivo coruñés.

O EIDUS é un documento que define “a estratexia da cidade a longo prazo, e que funciona como unha vía para que as entidades locais poidan acceder ao financiamento da Unión Europea até 2020”. Ferreiro convocou aos representantes dos concellos da área metropolitana tendo en conta a necesidade de establecer e coordinar unha estratexia común e porque “a convocatoria que actualmente está aberta remata a mediados de xaneiro”. “Queremos dar un paso máis no que entendemos que é a política municipal, na construción da área metropolitana. O que facemos hoxe é subir un chanzo máis para recabar apoio, compartir e coordinar as estratexias urbanas da Coruña e as áreas da súa contorna”, indicou o primeiro edil. “O EIDUS é un primeiro paso para despois optar a diversas convocatorias europeas. Por iso é vital ter deseñada esa estratexia, onde se marquen os futuros proxectos aos que podemos optar na busca de financiamento europeo”, engadiu.

En canto a posibilidade de presentar unha estratexia conxunta plantexamento que comparten a maioría dos concellosFerreiro sostén que unha proposta coordinada “vai ser moito máis valorada e aceptada tanto no Ministerio como nas institucións europeas”. “Non estamos a falar só dunha estratexia municipal, senón dunha estratexia coordinada con toda a comarca, que é o lóxico”, dixo. “Cremos que actuar de forma coordinada neste tema do EIDUS é algo moi beneficioso tanto para o conxunto da cidade da Coruña como para a súa área metropolitana”, indicou.

Entre outras cuestións, na reunión de dirixentes municipais abordáronse varios ámbitos nos que é precisa unha colaboración e traballo conxunto de cara a xeración dunha Estratexia de Desenvolvemento Urbana compartida. Estes pasan pola “recuperación ambiental e da biodiversidade da Ría do Burgo”, a “coordinación de actuacións de políticas de desenvolvemento territorial, baseadas en planeamentos urbanísticos conxuntos”, unha visión compartida da “xestión de servizos”, e o establecemento dunha “estratexia de innovación conxunta”.

Así, de cara a artellar posicionamentos e liñas de traballo comúns nestes ámbitos, a proposta que fixo Xulio Ferreiro aos e ás alcaldesas coas que se reuniu hoxe pasa por artellar unha serie de mesas de traballo estables. “Estas configuraranse para desenvolver os obxectivos políticos acordados e establecidos nesta ou nas sucesivas xuntanzas que se vaian a realizar”, explicou o responsable municipal da Coruña. Outra das propostas pasa por “articular mecanismos de coordinación política e técnica para impulsar, garantir e avaliar o avance nos obxectivos establecidos”.

En concreto, e segundo a proposta do Goberno local da Coruña, conformaranse catro mesas de traballo: Mesa da recuperación ambiental e da biodiversidade da Ría do Burgo; Mesa para a coordinación do planeamento urbanístico; Mesa do Plan Integral Metropolitano de transporte e mobilidade e a Mesa de Xestión de Servizos. Cada mesa estará conformada por representantes nomeados polos distintos concellos.

7 de xaneiro de 2016 | 20:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.