publicidade hoxe

A Consellería do Mar inviste 40.000 euros en obras no porto pesqueiro de Muxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuxía
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, visitou esta mañá o porto de Muxía, para comprobar o estado das obras de reparación e mantemento realizadas no peirao pesqueiro. O ente público investiu 40.000 euros nas melloras realizadas nas instalacións. José Juan Durán aproveitou a visita para manter unha xuntanza con membros da confraría de pescadores e escoitar as inquedanzas e peticións dos representantes do sector profesional.

José Juan Durán comprobou a reparación dos descalces e a adaptación realizada nas escaleiras adosadas ao peirao, que mellorarán a seguridade das tripulacións que as utilizan habitualmente. Tamén visitou a reparación da entrada do pantalán da terceira lista do porto muxián.

Ademais, o presidente de Portos percorreu parte do paseo portuario reparado e achegouse á nova estación de subministro de combustible emprazada nas instalacións náutico recreativas, que entrou en funcionamento recentemente para dar servizo a embarcacións e vehículos. Esta instalación conta cun depósito de 50.000 litros, cun surtidor de 4 mangueiras e dispón tamén dun remolque para trasladar o combustible ata os pantaláns se é preciso.

Estas actuacións, enmarcadas dentro dos programas de mantemento e conservación das instalacións portuarias, realízanse co fin de mellorar as vías e accesos aos portos e os servizos portuarios e náuticos, dando resposta ás necesidades dos usuarios que desenvolven a súa actividade neste porto.

25 de xaneiro de 2016 | 18:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.