publicidade hoxe

A Consellería do Mar estudará as propostas solicitadas polo Concello de Burela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+
O presidente de Portos de Galicia na reunión co alcalde de Burela

O presidente de Portos de Galicia na reunión co alcalde de Burela

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, estudará algunhas das peticións realizadas polo alcalde de Burela. O presidente do ente público, José Juan Durán, e o mandatario burelés, Alfredo Llano, reuníronse esta mañá en Santiago para tratar asuntos relacionados coas infraestruturas do porto e do seu mantemento.

Neste sentido, o presidente de Portos informou que se está a levar a cabo unha dragaxe na dársena e que se traballa na redacción do proxecto de mellora do abrigo, unha actuación de grande relevancia para Burela. Tamén se fixo repaso das actuacións levadas a cabo por Portos recentemente na zona, como foi o caso da colocación de sete bolardos de 50 e 30 toneladas de tiro e a instalación dun novo pantalán, que supuxeron un investimento duns 75.000 euros.

O alcalde de Burela solicitou a Portos a posibilidade de levar a cabo unha actuación nun solar emprazado na parte traseira da capitanía do porto, co fin de destinala a actos culturais ou semellantes, así como a posibilidade de ocupar algún departamento existente nesa zona para facer algunha exposición ou actividade gastronómica.

Na xuntanza tamén se abordou a proposta realizada por parte do concello de construír unha EDAR no porto. O presidente de Portos trasladoulle ao alcalde a incompatibilidade existente entre o seu emprazamento e as actividades portuarias. Desde a administración portuaria solicitóuselle unha proposta concreta para estudar a posibilidade de asentala noutro lugar.

15 de xaneiro de 2016 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.