publicidade hoxe

A Consellería de Sanidade presenta a Ramón Ares Rico como novo xerente da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervoLugoLugoMonforte de Lemos
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, presidiu hoxe, no salón de actos do Hospital Lucus Augusti, a presentación de Ramón Ares Rico como novo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte. Na súa intervención, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego comezou agradecendo ao xerente saínte, Antonio García Quintáns, o seu esforzo e excelente traballo durante estes dous anos, nos que se introduciron melloras de xestión e creáronse novas unidades e servizos asistenciais coa colaboración dos profesionais.

Entres as melloras introducidas dende o 2013, o conselleiro destacou a unidade de solo pélvico no Hula, a mellora da Teledermatoloxía, a Unidade de Rehabilitación Cardíaca, a Unidade de infección protésica, a de Cirurxía de obesidade mórbida, a habilitación de espazos para a unidade de investigación, os servizos de Hospitalización a Domicilio e o Hospital de día oncohematolóxico en Burela e Monforte, a teleconsulta de retinografía ou a posta en marcha de protocolos de integración entre primaria e hospitalaria como os de lumbociática, patoloxía de xeonllo, seguimento de pacientes oncolóxicos ou o Plan de descentralización do control de anticoagulación. E, por suposto, as novas unidades de Hemodinámica, Medicina Nuclear e Radioterapia.

Novo xerente

Do novo xerente, o conselleiro destacou que xa ten experiencia de xestión nesta provincia, así como o seu profundo coñecemento do sistema sanitario. Ten, -remarcou-, unha traxectoria profesional moi extensa, cunha gran vocación pola xestión nos servizos públicos.

Ramón Ares (Melide, 1960) é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, e realizou un curso de Doutorado, Suficiencia Investigadora, pola Universidade de Vigo. Tamén se formou como especialista en Saúde Pública na Universidade de Santiago, e conta cun Master en Dirección e Organización de Hospitais e Servizos de Saúde da Universidade Politécnica de Valencia. Ten, ademais, unha titulación como experto en Admisión e Documentación Clínica, impartido na Universidade Complutense de Madrid.

Ares iniciou a súa carreira profesional como médico de Promoción e Protección da Saúde Interino da Consellería de Sanidade en 1985, e desenvolveu diversos cargos neste departamento da Xunta, primeiro na Delegación Provincial de Sanidade en Ourense, na sección de Epidemioloxía, e despois, a partir de 1991, en servizos centrais, primeiro como asesor técnico en Atención Especializada, e, posteriormente, como xefe de sección de Concertos.

No ano 1994 incorporouse como coordinador de Admisión do Complexo Hospitalario Cristal-Piñor de Ourense, e, posteriormente, entre os anos 1996 e 2005, ocupouse da dirección das xerencias de varios hospitais: Comarcal de Valdeorras en 1996, Hospital da Costa (Burela) en 2000; e Xeral Calde de Lugo en 2002. Entre 2006 e 2009 desenvolveu a dirección médica da Fundación Pública Hospital do Salnés, para pasar despois á xerencia do Hospital Virxe da Xunqueira en Cee. No ano 2012 incorpórase á dirección de Procesos Asistenciais da creada EOXI da Coruña e, na actualidade, dende abril de 2015, viña ocupando o cargo de director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.

Compaxinado coa súa actividade profesional, Ares realizou unha intensa actividade formativa, con diversos cursos de epidemioloxía, saúde pública, investigación, xestión sanitaria e alta dirección (Programa de Alta Dirección en Institucións Sanitarias, IESE, 2004).

Agradecemento aos profesionais

Para rematar a súa intervención, o conselleiro lembrou que, entre 2009 e o 30 de xuño de 2015, os lucenses agardan 32,5 días menos para operarse no Hula, ao baixar o tempo de espera de 74 a 41,5 días. En 2014 (os datos de 2015 aínda non están pechados) tamén no Hula, fixéronse case 4.000 intervencións cirúrxicas máis e 28.000 consultas por riba das que se facían en 2009. Estes datos foron posibles grazas ás melloras introducidas na xestión e ao esforzo e o traballo dos profesionais, aos que o conselleiro lles deu expresamente as grazas.

15 de xaneiro de 2016 | 11:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.