publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A conselleira de Medio Rural destaca o investimento no sector agroalimentario como unha aposta de futuro rendible e sustentable

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Rosal
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita á conserveira

Ángeles Vázquez na visita á conserveira

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá as instalacións da conserveira A Rosaleira, onde destacou a importancia de inverter no sector agroalimentario galego como aposta de futuro rendible e sustentable.

A conselleira, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, coñeceu o proceso industrial desta empresa, a cal forma parte do grupo Terras Gauda. Así, puido ver as melloras técnicas que se levaron a cabo no marco das axudas da Consellería para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.

Neste senso, Ángeles Vázquez lembrou que aínda está aberto o prazo para solicitar ditas achegas, que este ano contan cun orzamento total de 14,3 millóns de euros, cofinanciado nun 75% polo Feader. Ademais, para as anualidades do 2017 e 2018, sinalou, o orzamento previsto é de 7 e 3,7 millóns de euros, respectivamente.

A titular do departamento de Medio Rural incidiu en que levar a cabo investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación ou modernización das instalacións agroalimentarias redunda directamente nunha mellora da calidade do produto e, en consecuencia, da situación dos traballadores. Por iso, apostar polo rural, engadiu, é sinónimo de riqueza e benestar.

A Rosaleira

A sociedade Conservas A Rosaleira S.L. comezou a súa actividade en 1942 -con outra titularidade-, pasando a ter a actual denominación no ano 2008. A súa actividade céntrase na elaboración de conservas vexetais, tales como cebola en aceite, verzas ao natural, fritada ao natural, grelos ao natural, xudías, mirabeles, zaragallada.

As materias primas que empregan son de produción propia e de produtores da zona, principalmente do Rosal, aínda que tamén adquiren materia prima a produtores de toda a Comunidade e mesmo un 10% fóra de Galicia, principalmente tomate, pemento e cebola, cando na nosa Comunidade non hai produción deses produtos.

No marco das axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, a sociedade Conservas A Rosaleira foi beneficiaria destas achegas por un montante total de preto de 240.000 euros.

20 de xaneiro de 2016 | 18:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.