publicidade hoxe

A Biblioteca Municipal de Narón acolle unha Xornada informativa dirixida ás asociacións sobre novos Proxectos Europeos no ámbito rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O baixo da Biblioteca Municipal do Alto acollerá esta tarde, a partir das 20.00 horas, unha xornada informativa dirixida ás asociacións veciñais, sociais, culturais, deportivas e empresariais da localidade. Á convocatoria asistirán a xerente de Costa Noroeste, Natividad González, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Ramos, que se encargarán de explicar que a xornada responde á posta en marcha do novo período de financiamento europeo para o Desenvolvemento Rural dos Estados membros da UE ata o ano 2020, polo que se informará aos asistentes sobre novos Proxectos Europeos no ámbito rural. O acto enmárcase nunha rolda de xuntanzas que Costa Noroeste está realizando por varios concellos da comarca con fins informativos.

Na convocatoria ofrecerase información sobre a creación do Grupo de Acción Local que crearán conxuntamente Costa Noroeste e Euroeume, que se unificarán para concorrer a fondos europeos do Programa Leader de Galicia. Poderán adherirse á nova entidade –sen ánimo de lucro- as asociación que o estimen oportuno, tal e como avanzou Ramos, que incidiu no feito de que poderán presentar proxectos de desenvolvemento rural –produtivos e non produtivos- os particulares, asociacións ou entidades administrativas supramunicipais que o estimen oportuno.

Así mesmo, desde a citada entidade na que se englobarían as asociacións interesadas, poderase participar na elaboración dos criterios e prioridades da comarca a través da Estratexia de Desenvolvemento Local.

25 de xaneiro de 2016 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.