publicidade hoxe

Uns 800 alumnos de infantil e primaria asisten ao festival de teatro do programa de Nadal da Laracha

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+
Festival de teatro na Laracha

Festival de teatro na Laracha

O programa de actividades de Nadal que organiza o Concello da Laracha xa está en marcha. Aproveitando as últimas xornadas lectivas nos centros de ensino antes das vacacións estase a desenvolver en horario escolar e na Casa da Cultura da Laracha o Festival de Teatro Infantil, contándose coa asistencia como espectadores de máis de oitocentos alumnos dos colexios do municipio.

Esta mañá máis de trescentos estudantes de ensino infantil e de 1º de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha, CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e das escolas unitarias de Montemaior (CEIP de Cumiáns) e de Soandres (EEI A Revoltiña) asistiron ao espectáculo cómico Rosa, Caramelo e outras historias, de Talía Teatro e interpretado por Artur Trillo e Fernando Fraga.

Ao remate das funcións de hoxe os nenos recibiron a visita de Papá Noel, que obsequiou a todos os asistentes con caramelos e interesouse polas súas peticións de regalos para as festas do Nadal.

Mañá novamente Talía Teatro escenificará outra das súas pezas para o público infantil: Sopa de sapo. Neste caso os espectadores serán todos os alumnos do CEIP de Caión, os estudantes de primaria do CEIP Alfredo Brañas de Paiosaco e os de 2º, 3º, 4º, 5º e 6º de primaria do CEIP Otero Pedrayo da Laracha.

14 de decembro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.