publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha gran festa dos Bolechas na entrega dos premios do concurso Historias do meu cole

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+
Entrega de premios

Entrega de premios

Máis de 400 escolares do colexio da Ramallosa, no concello coruñés de Teo, participaron na gran festa de entrega de premios do concurso de debuxo “Historias do meu cole” co que Os Bolechas, a Obra Social “la Caixa” e a Televisión de Galicia trataron de pór en valor o papel da escola e dos mestres na vida das nenas e nenos galegos.

“O grandísimo éxito de participación e o nivel de implicación, tanto no ámbito plástico como nas propias temáticas dos debuxos, demostraron a enorme importancia que ten a escola e o mundo educativo nas vidas dos cativos”, destacaron os responsables dos Bolechas na festa de entrega de premios, que se realizou no centro ao que pertence o neno ganador do gran premio de 1.000 euros: Diego Teo.

Este premio sorteábase entre os tres primeiros finalistas que foron, ademais de Diego, un alumno do colexio de Arzúa e unha nena do centro de Prácticas da EU do prof. da EXB de Ourense. Cada un dos primeiros finalistas leva un televisor Sony Bravia de 32 polgadas para el e unha tablet para o seu centro.

O acto da Ramallosa serviu de entrega simbólica do case medio centenar de premios que repartiu o concurso Historias do meu cole, patrocinado pola Obra Social la Caixa e a TVG, de aí que fose a directa da televisión pública galega quen fixese entrega do cheque de mil euros ao director do colexio da Ramallosa, José Manuel Ferreirós, e un responsable da Obra Social la Caixa quen entregase a tele a Diego Teo, mentres que a tablet recolleuna o profesor de Diego de mans de Pepe Carreiro, autor dos Bolechas. 

Festa cos Bolechas

Ao rematar a entrega as nenas e nenos do CEIP da Ramallosa gozaron de todo o Universo Bolechas: música, cine, obradoiros, xogos tradicionais, sala de lectura… e mesmo un taller de debuxo impartido por Pepe Carreiro. Aínda que o que máis gozaron os pequenos foi a presenza dos propios Bolechas corpóreos, cos que puideron retratarse e xogar durante toda a mañá.

Resto de premiados

Ademais dos primeiros finalistas, o sorteo final deixou tres segundos finalistas que foron: na categoría A (ata 5 anos) un neno do colexio Fernández Latorre da Coruña, na categoría B (de 6 a 8 anos) unha nena do CEIP Agro do Muíño de Ames e na categoría C (de 9 a 12) un neno de 11 anos do CPI Doctor López Suárez de Friol. Cada un leva unha tablet android.

E os terceiros finalistas foron na categoría A un neno da EEI Fina Casalderrey de Pontevedra, na B unha nena do CEIP Plurilingüe Bragade de Oza-Cesuras e na C unha nena do colexio Asunción Sarria.  Cada un leva unha bicicleta adaptada á súa idade. 

Ademais os dous colexios con máis participación levan cadansúa tablet, que vai para o CEIP Ramón Cabanillas de Santiago e  CEIP Pérez Viondi da Estrada. Todos estes premios súmanse aos tres agasallos que se repartiron cada semana e que fan un total de medio centenar de premios repartidos por toda Galicia.  

16 de decembro de 2015 | 20:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.