publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Un veciño de Boiro acusado de abusar de tres menores acepta 4 anos e medio de cárcere

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoiroLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

Un veciño de Boiro (A Coruña) acusado de abusar sexualmente de dúas nenas de oito anos de idade e doutra de 14 aceptou unha pena de catro anos e medio de prisión e unha multa de 7.000 euros. Os feitos aconteceron entre 2000 e 2007.

O home chegou a un acordo de conformidade coas partes na Sección Sexta da Audiencia Provincial da Coruña, polo que se lle condena a un ano e medio de prisión por cada un dos tres delitos continuados de abusos sexuais que se lle imputan.

Aínda que o fiscal pedira unha pena de 14 anos de cárcere, finalmente o acusado non terá que ingresar en prisión, ao reducirse a condena de 4 anos e medio ao cumprimento de 90 días de traballos en beneficio da comunidade e á obriga de non volver cometer ningún delito durante un tempo de dous anos.

Tampouco poderá achegase ás vítimas durante un período de seis anos e medio, e terá que someterse a un programa de reeducación no ámbito sexual. De incumprir algún destes supostos, o home terá que ingresar en prisión para o cumprimento da pena.

Para a redución da pena a Audiencia Provincial ten en conta os atenuantes de dilación indebida do proceso e que o acusado ten “capacidades cognitivas limitadas” ao padecer “atraso mental leve”.

FEITOS

Con todo, segundo explicou o presidente da Sección Sexta da Audiencia Provincial, Ángel Pantín, a conformidade implica que se consideran como certos os feitos dos que se lle acusan. Así, o fallo sinala que o home realizou os delitos con “conciencia de que menoscababa a liberdade sexual das menores”.

“O acusado tiña como costume vixiar a menores á saída do colexio para intentar abusar sexualmente delas”, asegura o texto antes de indicar que “tocou en varias ocasións por todo o corpo” á saída da escola a primeira das menores, de oito anos.

“Nesta conxuntura intentou meterlle a man por debaixo da camiseta e os feitos repetíronse case a diario durante sete ou oito meses”, apunta antes de precisar que a vítima denunciou os feitos cando xa era maior de idade.

Pola súa parte, a segunda das menores, “cando contaba con oito anos de idade foi levada a un casucho e tiraxe na palla, onde o acusado lle tocou as partes íntimas e intentou quitarlle a parte de arriba da roupa”. Con todo, o fallo indica que a nena “conseguiu escapar”. A afectada denunciou os feitos cando aínda era menor de idade.

Ademais, o texto indica que o acusado “se aproveitou” da terceira das vítimas, que padecía unha minusvalía psíquica do 40%, para “ofrecerlle diñeiro e regalos” para que “ela aceptase as súas pretensións”.

“O home, que vixiábaa constantemente e co que mantivo varios encontros prolongados chegou a propoñerlle realizar o acto sexual a cambio de 150 euros, ao que a vítima se negou”, apunta. Os feitos, considera a sala, afectaron ao desenvolvemento da vítima, que actualmente se atopa ingresada nun centro.

Por todo iso, a Audiencia Provincial obriga o condenado a indemnizar con 2.000 euros ás dúas primeiras vítimas, e con 3.000 a moza que padece unha minusvalía psíquica. Con todo, o home foi declarado insolvente ao carecer de bens e capacidade económica para sufragar estas cantidades.

18 de decembro de 2015 | 12:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.