publicidade hoxe

Un total de 24 lugares de Naraío e Igrexafeita entrarán no programa de recollida do lixo porta por porta de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Tralos resultados obtidos no último ano en Ferreira, o Concello ten previsto ampliar o programa de recollida do lixo porta por porta ás zonas máis elevadas de Naraío e Igrexafeita. Onte celebrouse a primeira xuntanza informativa coa veciñanza destas zonas, que abranguen 52 quilómetros de percorrido, 25 lugares e unha poboación diseminada próxima aos 150 habitantes. O sistema, que permitiu na primeira experiencia reducir as entregas a SOGAMA nun 57%- comezará a funcionar a partir de xaneiro.

A recollida continuará facéndose unha vez por semana -agás nun lugar, que será quincenal- e a veciñanza só notará dous cambios principais: terán máis colectores pequenos preto da casa e deberán facer unha separación do lixo un pouco máis minuciosa autoxestionando con compostaxe os restos orgánicos. Para iso está previsto redistribuír a situación dos colectores que, ademais, serán de catro tipos: un azul para papel e cartón, outro amarelo para envases -bricks, latas, envoltorios, botellas pet, etc.-, un verde para o vidro e un gris para o resto, é dicir, para aqueles refugallos que non se poden reciclar e que, polo tanto, non poden ir aos outros colectores. Neste último caso estarían os cueiros, compresas, a roupa, o calzado e os xoguetes vellos, entre outros.

O orgánico -restos de comida, mondas, podas, etc.- debe xestionarse como se fixo toda a vida, ben como alimentación de cochos e galiñas ou ben como esterco. E para quen non teña esterqueira tamén hai solución posto que o Concello repartirá pequenos composteiros cos que converter o orgánico nun magnífico sustrato fertilizante para plantas e morteiros.

Na xuntanza mantida no local social da Veiga, en Naraío, informouse que a implantación do sistema levará aparellada a visita dunha técnica de ADEGA -que colabora no proxecto- para explicar como facer unha correcta separación e como usar os composteiros. Ademais tamén se falou sobre como deben tratarse os cualificados como residuos especiais: os medicamentos caducados recóllennolos nas farmacias, os produtos fitosanitarios e de sanidade animal tamén nolos recollen nas tendas que os subministran, as pilas deben depositarse en puntos autorizados situados en establecementos comerciais, os perigosos -baterías, aceites de coche, radiografías, fluorescentes, pinturas e entullos de pequenas obras- cómpre levalos ao Punto Limpo de Narón (gratuíto), mentres que os voluminosos -electrodomésticos, somieres, mobles, etc.- e os plásticos agrícolas retiraraos o propio Concello tamén de balde chamando ao 981 490 027 para concertar a recollida.

A ampliación do porta por porta arrancará en Igrexafeita e Naraío a primeiros de xaneiro, aínda que non en todos os lugares destas parroquias, senón naqueles que quedan máis a desmán das vías de comunicación principais e que son máis custosos de atender co camión compactador. En concreto serán 24: a Casanova, a Fraga, Remicieiro, a Fraga Nova, o Vilar, a Casa Tellada, Regueiro Cavado, a Ribeira, as Costeiras, o Couce, o Cando, o Castro, a Ermida, os Miguelares, o Parque Eólico, Soutullo, o Furado, Racamonde, o Chao do Pío, o Pousadoiro, a Abelleira, Quintiá, Lourido e Cabanas. En conxunto nestes lugares hai 54 vivendas habitadas e 148 persoas empadroadas.

1 de decembro de 2015 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.