publicidade hoxe

Un grupo de alumnas de Veterinaria participaron en Ferreira nun curso de perruquería equina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

As instalacións do Club Hípico A Gándara acolleron durante o pasado sábado unha xornada intensiva de teoría e práctica sobre o tosquiado e a preparación da imaxe de cabalos e eguas para a competición. Juan Chedas, experto en perruquería animal, impartiu esta actividade dentro do programa lectivo da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo da USC. Participaron arredor dunha vintena de alumnas que tiveron a oportunidade de preparar varios exemplares. Unha aprendizaxe que, de seguro, lles permitirá ser máis polivalentes cando lles chegue a hora de exerceren a súa profesión.

Juan Chedas leva máis dunha década como profesor de perruquería canina, felina e tamén equina. Coñece ben todo o que cómpre saber para que un animal luza a súa mellor estampa nun concurso ou, coma neste caso, para a preparación dunha egua ou dun cabalo antes de iniciar unha competición de salto. E é que a montura, ademais de mostrar lustre, tamén debe permitirlle a quen cabalga un perfecto control. “En salto non está ben visto que os animais leven as crinas longas, non deben medir máis dunha cuarta. Entre outras razóns porque esteticamente o cabalo se ve máis limpo e porque así evitas que as rendas se enguedellen”, explica Chedas.

A mañá do sábado arrancou cunha clase teórica que cara ao mediodía se trasladou á práctica, primeiro cepillando crinas e colas, despois tosquiando -hai polo menos catro xeitos distintos- e, por último, facendo trenzados. O corte de pelo e o peiteado equino é unha parte fundamental do manexo destes animais que calquera persoa experta pode facer en pouco máis dunha hora e que, por outra banda, xa forma parte da oferta de servizos da profesión veterinaria. De feito ese é o principal obxectivo deste tipo de accións formativas: que o alumnado saia da facultade sabendo do seu pero tamén con outros coñecementos que cada vez teñen máis demanda. 

Habitualmente a formación en perruquería animal impártese na Facultade de Veterinaria. Porén, nesta ocasión as clases prácticas trasladáronse a Ferreira por causa dunhas obras de remodelación que se están acometendo nas cuadras do centro situado no campus lugués da USC. Nas instalacións da Gándara -que son sede dun clube hípico co mesmo nome- Juan Cheda tamén ofrece cursos de doma, de adestramento e de equitación, ademais de prestar servizos de perruquería canina e felina nas mesmas dependencias.

2 de decembro de 2015 | 19:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.