publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Touro dá ‘luz verde’ aos seus orzamentos para 2016 sumando 3,24 millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTouro
A-
A+

O Concello de Touro aprobou os seus orzamentos para 2016, que suman 3,24 millóns de euros. Medran un 13,5% (387.000 euros en termos absolutos) respecto aos deste ano, que chegaron ata os 2,85 millóns de euros. A aprobación dos orzamentos contou co apoio do PP, que ten maioría absoluta na corporación municipal de Touro.

O capítulo de gastos correntes de bens e servizos lévase 1,41 millóns de euros, cantidade similar á destinada en 2015. Os gastos de persoal suponen 820.823 euros e as transferenzas correntes, 104.000 euros. Os investimentos reais previstos para o Concello de Touro en 2016 superan os 900.000 euros. O total do presuposto de gastos: 2.859.519 euros.

Pola súa banda, as transferenzas correntes supoñen 1.914.125 euros no presuposto de ingresos. Os impostos diretos alcanzan os 513.624 euros e os impostos indiretos, 30.000 euros. As tasas, prezos públicos e outros representarán en 2016 uns ingresos de 129.990 euros para o Concello de Touro. As transferenzas de capital sumarán 654.359 euros. E os ingresos patrimoniais supoñen 5.000 euros. O total do presuposto de ingresos: 3.247.099 euros.

O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, calificou de “realistas” os orzamentos para 2016. E indicou que son unhas contas que están en contacto coa realidade social que viven os veciños e veciñas de Touro. Tamén destaca a aposta por manter as partidas destinadas a servizos sociais. Ignacio Codesido lembra que o Concello que xestiona conta con déveda cero.

O pleno ordinario celebrado o pasado venres tamén coñeceu o informe de intervención sobre o periodo medio de pago.  O Concello de Touro cumpre co obxectivo de estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e o principio de sostenibilidade financeira. O prazo medio de pago aos proveedores foi de 10,09 días no primeiro trimestre de 2015; de 10,23 euros no segundo trimestre e de 11,83 días no terceiro trimestre deste ano.

Neste pleno abordouse unha moción do BNG sobre desemprego e emigración xuvenil. A formación nacionalista solicitaba a elaboración dun plan de emprego municipal de fomento do emprego digno para a mocidade para evitar a emigración. O grupo de goberno local presentou unha enmenda, que foi aprobada pola maioría do pleno. Nesta indícase que o Concello de Touro “seguirá a realizar programas de promoción do emprego, tanto con fondos propios como en colaboración con outras administración públicas co obxectivo de evitar a situación que tanto os xóvenes en paro como das persoas en situación de risco social”.

Na orde do día tamén estaba outra moción do BNG sobre o apoio a unha tarifa eléctrica galega. En relación con esta moción, o grupo municipal do PP presentou outra enmenda, tamén aprobada, e que “solicita da Xunta a continuidade das políticas e asunción do custo das facturas de gas e electricidade das persoas consumidoras vulnerables en risco de non poder asumir o recibo eléctrico” ao mesmo tempo que solicitarán das empresas enerxéticas e das adminstracións “a implantación de accións para lograr un efectivo custo da enerxía asumible polas familias, e en especial ás persoas en situación de risco de probreza enerxética”.

Pola súa banda, o PSOE de Touro presentou unha moción, que contou co apoio da corporación, para instar ao Goberno central para que curse orde ao Ministerio de Sanidade para que a vacina da meninxite b sexa incluída de xeito inmediato no calendario vacinal.

21 de decembro de 2015 | 18:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.