publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Teo reivindica a posta en marcha da liña interior de transporte de xeito inmediato

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTeo
A-
A+

O Concello de Teo esixe de xeito unánime a posta en marcha inmediata da liña interior de transporte. Esta mañá, na Casa do Concello, representantes de todas as forzas políticas (Son de Teo-Anova, PSOE, PP e BNG) acompañados dunha representante da plataforma cidadá Teo Bus amosaron as súas reinvindicacións de melloras no transporte metropolitano.

A concelleira de Transportes, Conchi García, explicou a situación actual en Teo na que despois da harmonización dos horarios dos autobuses no corredor da AC-841 é preciso avanzar en cuestións “que non teñen un custe para a Xunta”. Destacou a necesidade de “reorganizar horarios de xeito que se poidan ampliar frecuencias na fin de semana e ter autobuses que saian máis tarde dende Santiago”. Tamén fixo fincapé “na escaseza de autobuses adaptados nunha zona cunha alta demanda dese servizo”.

A edil tamén explicou que esta reorganización “non suporía un custe para a Xunta de Galicia e tería que vir relacionado coa posta en marcha da liña interior, unha vella demanda que só afecta ao Concello xa que circula só polo termo municipal e ten financiamento local en exclusiva”. A liña interior busca trasladar viaxeiros cara os corredores principais, AC-841 e N-550 con maior número de frecuencias, para que o transporte público sexa unha alternativa ao uso do vehículo particular. 

Conchi García explicou que dende o Concello se tramitou unha solicitude de entrevista coa Directora Xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, hai mes e medio á que dende a Xunta aínda no responderon.

O alcalde, Rafael Sisto (Son de Teo-Anova), destacou que “levamos orzamentado o custe para a liña interior dende o 2014 porque a posta en marcha ía ser inmediata e case no 2016 seguimos sen poder facelo sen ningunha explicación por parte da administración autonómica”. Sisto destacou que “esta situación, se non é un boicot por parte da Xunta contra a posta en marcha das liñas interiores parécese bastante”.   

A concelleira socialista Uxía Lemus reiterou que “neste tema estamos nun bucle no que todos temos amosado a nosa responsabilidade pero é a Xunta a que ten que solucionar o problema”. 

Pola súa banda a concelleira do Partido Popular, María Vázquez, explicou que “neste asunto estamos a favor xa que vai ser beneficioso para os veciños e estamos dacordo en unirnos ao resto dos grupos neste demanda”.

Por parte do BNG tomou a palabra Andrés Fernández que lembrou que se trataba “dunha vella demanda e a liña interior resulta fundamental para a cohesión interna do Concello”. 

Angélica Blanco, da plataforma cidadá Teo Bus, dixo que había que seguir “reclamando un transporte urbano e metropolitano de verdade non o servizo intercomarcal que temos agora”. 

1 de decembro de 2015 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.