publicidade hoxe

Taboadelo acolleu a proxección audiovisual dun documental sobre o traballo das comunidades de montes en Galicia e norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
O rexedor de Ponte Caldelas na proxección

O rexedor de Ponte Caldelas na proxección

O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz Sobral, asistiu na Casa do Pobo de Taboadelo á proxección audiovisual dun documental elaborado sobre o traballo que desenvolven as comunidades de montes en Galicia e no Norte de Portugal.

Durante máis de hora e media os asistentes, que enchero por completo o salón de actos da Casa do Pobo de Taboadelo, poideron coñecer diferentes experiencias de aproveitamento sostible do monte en man común en diferentes lugares de Galicia e tamén do Norte de Portugal.

Entre os distintos proxectos levados a cabo polas comunidades de montes obxecto da reportaxe documental estaban a reforestación con especies autóctonas, redistribución de espazos de aproveitamento de árbores de crecemento rápido así como a posta en marcha de experiencias de carácter gandeiro, tanto caprino como bobino. 

Tamén analizaron diferentes aspectos que afectan ás comunidades de montes como a lexislación cambiante, a presión de diversos sectores económicos para unha explotación non sostible do medio rural e o perigo dos incendios, moitos deles provocados, se supoñen un grave perxuizo para as explotacións forestais e de todo tipo.

Ao rematar a proxección o presidente da comunidade de montes de Taboadelo, Xabier Lourenzo, insistiu en que a reportaxe era un exemplo de explotación do monte en diversos lugares que tiñan, nalgúns casos, posibilidades de se aplicadas en Ponte Caldelas e outras non tanto. Salientou o nivel de compromiso dos veciños do documental coa defensa do monte e do seu xeito de vida e avogou por unha política de compromiso social e veciñal dos propietarios e usuarios dos montes para coidalo e poñelo en valor para as xeracións futuras. 

O alcalde, Andrés Díaz, felicitou á comunidade de montes de Taboadelo polo traballo que están a facer e agradeceu este tipo de iniciativas para incentivar a concienciación cidadá. Finalmente ofreceulles todo o apoio do Concello naqueles temas que consideren do seu interese e nos que poida colaborar a administración local.

7 de decembro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.