publicidade hoxe

Susana López Abella visita o CIM de Palas de Rei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPalas de Rei
A-
A+
López Abella na visita ao CIM de Palas de Rei

López Abella na visita ao CIM de Palas de Rei

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, visitaron hoxe o Centro de Información á Muller (CIM), para comprobar as melloras realizadas neste despois de que o concello se beneficiase da Orde de axudas para a mellora do equipamento dos CIM. Ademais, a visita coincidiu coa conmemoración do décimo aniversario da posta en marcha do centro.

Os CIM configúranse como servizos de información, asesoramento xurídico e psicolóxico e de orientación laboral e profesional, con especial atención ás mulleres en situación de vulnerabilidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social. O de Palas de Rei, concretamente, atendeu en 2014 a 113 persoas e un total de 180 consultas.

Doutra banda, Palas de Rei é un dos 163 concellos galegos adheridos á Rede de Entidades Locais contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa froito da colaboración entre a Xunta e a Fegamp. Esta Rede configurase como un instrumento que permite conseguir o rexeitamento social e institucional da violencia de xénero, sensibilizando á poboación para conseguir a súa implicación e compromiso real contra esta lacra, fomentando ao mesmo tempo modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e na igualdade.

Concretamente en Palas de Rei leváronse a cabo dúas actuacións: a exposición “cartas de Amor”, no ano 2013, e a acción “violencia de xénero e o novo contexto dixital”, en 2014. A primeira é unha mostra do cómic galego sobre violencia de xénero que ten como finalidade sensibilizar á poboación máis nova sobre a existencia de violencia nas súas relacións de parella e nos seus modos de relacionarse.

Pola súa banda, a acción consiste nunha serie de obradoiros educativos para nenos, nenas e adolescentes, preferentemente expostos a situación de violencia de xénero, e centradas no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming ou sextorsion.

4 de decembro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.