publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Sober programa un amplo abano de actividades para o Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Goberno local do Concello de Sober programa un amplo abano de actividades culturais para o Nadal. Amais dun concurso de beléns e un certame de poesía e postais, o sábado día 19 ás 18:00 horas haberá un concerto benéfico de Nadal no Centro Sociocultural organizado pola Escola Municipal de Música de Sober.

O concerto estará amenizado pola banda xuvenil da Escola Municipal de Música de Sober, o coro infantil, a Banda de Música e os alumnos e alumnas do CEIP plurilingüe Virxe do Carme de Sober e do PAI. Os organizadores piden que se faga entrega dun quilo de comida por cada asistente que logo os servizos municipais repartirán entre os máis necesitados. 

VI Certame de Beléns

O VI Certame de Beléns distingue dúas categorías: de adultos e infantil. Os interesados e interesadas poderán inscribirse ata o día 22 de decembro na Biblioteca Pública Municipal de Sober. A visita do xurado aos beléns participantes farase o día 23 de decembro. Os gañadores e gañadoras recibirán un diploma e un agasallo.

Certame de poesía e postais de Nadal

O certame de poesía e postais de Nadal convócase coa colaboración da Biblioteca Pública de Lugo. Poden participar todos os nenos e nenas coa temática xenérica ‘O Nadal’. Haberá tres categorías: ata os oito anos, de 9 a 11 anos e de 12 a 16 anos. Os poemas deben estar escritos en galego e ir acompañados dos datos do autor ou autora. O prazo para presentar os traballos remata o día 22 de decembro. O lugar para entregalos é a Biblioteca Municipal de Sober. Aqueles traballos que resulten premiados recibirán un diploma e un lote de libros na primeira quincena de xaneiro.

Outras actividades

O día 19 haberá un festival de Nadal no CEIP Plurilingüe Virxe do Carme coa presenza de Papá Noel. Os días 22 e 29 de decembro as Merendas con contos farán un maratón de panxoliñas acompañado con chocolate con churros. O sábado 26 haberá unha festa infantil de Nadal para os máis pequenos con xogos, obradoiros, música e inchables. O luns 4 de xaneiro Pablo Díaz animará a tarde no Centro Sociocultural cun obradoiro e unha actividade de contacontos. Por último, o día 5 de xaneiro Sober recibirá a visita dos Reis Magos.

 

14 de decembro de 2015 | 18:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.