publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

San Sadurniño inicia a súa programación de Nadal con actividades para toda a familia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Teatro, música e deporte compoñen o programa lúdico preparado polo Concello para esta última quincena do ano e os primeiros días de xaneiro. A actividade empeza xa este martes con títeres para o alumnado do colexio público e que terá os seus momentos máis destacados coa festa infantil de Nadal do venres e a visita dos Reis Magos na tarde do día 5 de xaneiro. Pero hai máis. Durante os tres días previos á Noiteboa tamén haberá polas mañás obradoiros deportivos e, xa o 27 deste mes, unha xornada dedicada á rítmica, o volei e o fútbol sala solidario en feminino. Cómpre lembrar que na fin de semana posterior ao día de Reis San Sadurniño converterase na capital do voleibol coa celebración da Copa Príncipe da Súperliga Masculina 2. Para poder seguir de preto toda a programación acabamos de publicar toda a axenda en Google Calendar, de maneira que calquera poida importala ao seu móbil intelixente, tableta gráfica ou ordenador e non perder ningún evento.

“O día que chegou unha nube e choveu” estrea a programación de Nadal este martes ás 12.30h. na Casa da Cultura. Trátase dunha obra de títeres da compañía Trompicallo na que se lle contará ao público máis novo do CPI o ciclo da auga e por que é fundamental para que haxa vida na Terra. Dous días despois o teatro volverá ao mesmo lugar da man de Caramuxo e a obra “Zapatos”, aínda que desta vez nas butacas sentará a cativería da EIM A Rolada. A obra -pensada para idades entre 1 e 4 anos- narra a fantástica historia dos zapatos que xa ninguén usa pero que cobran vida nun xardín marabilloso na compaña dunha rapaza.

Pensando nos nenos e nenas menores de 12 anos, o Concello organizou para a tarde do venres a súa tradicional festa de Nadal con xogos, música e a visita do Apalpador. O mítico carboeiro do Courel baixará das montañas sobre as 19.00h. para escoitar as peticións e desexos dos nenos e nenas aínda que antes -xa desde as 17.00h.- a Casa da Cultura acollerá distintos entretementos para os que fará falla cubrir unha ficha de inscrición. Non hai límite de prazas e a ficha é unha simple autorización para que a rapazada poida quedar na festa unicamente co monitorado do actividade, posto que os papás e mamás deberán deixar alí as criaturas e recollelas sobre as 19.15h.

Festa infantil de Nadal

Nos días previos á Noiteboa e o Nadal, San Sadurniño recibirá a visita do Apalpador, o carboeiro que baixa todos os anos das montañas do Courel para deixarlles unha presada de castañas aos nenos e nenas dos vales. O Apalpador achegarase ao concello no marco da festa infantil programada para a tarde do venres 18 de decembro, na que a rapazada gozará de música e xogos. 

Ao día seguinte, o sábado 19, Trompicallo volverá á Casa da Cultura coa peza “Osiño”, na que o protagonista irá descubrindo coa axuda da súa nai as distintas estacións do ano. Unha fábula sobre a natureza e a amizade na que Osiño compartirá o seu descubrimento do mundo con outros personaxes, como Porquiño, Coello e os ratos, con quen mesmo celebrará o seu aniversario. A representación vai dirixida a toda a familia, aínda que está recomendada para aquelas que teñan nenos e nenas pequenas. Comezará ás 18.00h. e a entrada é gratuíta.

O domingo 20 de decembro é a data elixida polo departamento de Desenvolvemento local para a celebración do último mercado local do ano. Unha edición especial do Nadal que seguramente se vexa animada por coincidir con xornada electoral e pola proximidade dunhas festas que tradicionalmente animan as compras. Ademais, quen se achegue a esta cita poderá facer unha pequena escapada ata a Casa da Cultura para gozar dun concerto de música clásica ofrecido polo alumnado de Iliá e María Keilin. Trátase dun recital para todos os públicos programado para as 11.00h. no que, seguramente, nos brindarán un repertorio propio destas datas. A entrada tamén é de balde. 

Nadal deportivo

Outro clásico que volve por estas datas é o Nadal deportivo, dirixido á rapazada de 6 a 12 anos e pensado para que poida practicar distintas disciplinas adaptadas a esa banda de idades. Máis que un curso intensivo, o que se pretende é que os nenos e nenas entren en contacto coas técnicas básicas de seis deportes co obxectivo de que aprendan e compartan cos demais un tempo de lecer durante tres días das súas vacacións. 

Esta actividade gratuíta desenvolverase nas mañás dos días 21, 22 e 23 de decembro no Pavillón Municipal e a rapazada poderá entrar en contacto co volei, o fútbol sala, o baile moderno, a bicicleta, o patinaxe-hockey e os xogos predeportivos. Cada mañá ocuparase de dous deportes, un de 10.30 a 12.00h. e outro de 12.00 a 13.30h. O luns será ciclismo, baile moderno/ximnasia rítmica, o martes fútbol e volei e o mércores tocaralle ao patinaxe/hockey e aos xogos predeportivos. Cada participante deberá inscribirse o venres 19 como moi tarde nun mínimo de 4 deportes. Para apuntarse haberá que pasar pola Casa da Cultura ou mandar un correo coa ficha cuberta a agustin.perez@sansadurnino.gal. Hai máis información chamando ao 981 490 027 (ext.3).

Cómpre lembrar tamén que durante este mes o club ciclista Biela e Chaveta está facendo saídas de dificultade baixa polo municipio. O punto de encontro é diante da Casa da Cultura os sábados ás 11.00h. Non fai falla inscrición previa e as persoas menores de 16 anos deber ir acompañadas dunha persoa adulta.

Xornada de deporte feminino e panxoliñas o último domingo de 2015

A tarde do derradeiro domingo do ano estará ocupada por enteiro polo deporte en feminino e cunha finalidade solidaria. O Pavillón Municipal acollerá tres grandes eventos. O primeiro deles é un partido de voleibol entre a categoría infantil e a cadete do Aldebarán e o segundo será o II Trofeo solidario de fútbol sala feminino Concello de San Sadurniño, no que se enfrontarán o CD Burela e o Valdetires. Porén, entre un e outro, o Club Brío ten preparada unha exhibición de ximnasia rítmica e antes de rematar tamén nos ofrecerá unha clase maxistral de danza.

A entrada é gratuíta, pero pídeselle ao público que traia da casa algún alimento non perecedoiro, como poden ser conservas, arroz, galletas, pastas, fariña, leite en pó, cacao, azucre, aceite, lentellas, garavanzos, turróns, polvoróns, etc. Ademais tamén se recollerán artigos de limpeza e hixiene persoal, como xabóns, pasta de dentes ou cueiros. Co que se recolla faranse lotes que despois serán distribuídos polos Servizos Sociais do Concello entre aquelas familias do municipio con menos recursos. 

Namentras, en Naraío, a Asociación de Veciños O Castelo organiza un obradoiro de Cantos de Nadal coa participación das escolas de música tradicional. Non se trata dun concerto, senón de preparar entre todas as persoas asistentes -grandes e pequenas- varias panxoliñas co apoio instrumental das escolas musicais. O horario aínda non é definitivo, pero seguramente se arranque coa actividade entre as 17 e as 18.00h. No decurso da tarde tamén pasará por Naraío o Apalpador -seguramente na súa ruta de volta ao Courel- e a asociación ofreceranos unha merenda a base de bica e chocolate.

Festa de Reis e Copa Príncipe para iniciar o ano

Por máis que os agasallos cheguen aos poucos ao longo das festas do Nadal, a noite máis máxica para a xente miúda é sen dúbida a do 5 de xaneiro. Na tardiña dese día os Magos do Oriente farán parada en San Sadurniño para recoller cartas escritas a última hora e para volver confirmar as peticións de quen as mandaron con tempo de adianto suficiente. 

Desta vez hai unha novidade. E é que os Reis non irán para a Casa da Cultura senón que os nenos e nenas deberán agardar por eles no ximnasio do CPI, onde antes do momento máis solemne da tarde poderán gozar de xogos, obradoiros e música.

O lugar elixido para a recepción era inicialmente o Pavillón Municipal. Porén, os preparativos da Copa Príncipe de volei que se disputará en San Sadurniño os días 9 e 10 de xaneiro obrigaron a cambiar a ubicación que, por certo, só se move uns metros. A Copa Príncipe é unha das competicións máis importantes do volei estatal e nela enfrontaranse o Aldebarán como equipo anfitrión, o Can Ventura Palma -líder da clasificación-, o CyL Palencia e o F.C. Barcelona. O sábado a partir das 17.00h. desenvolveranse as semifinais e o domingo a partir das 12.00h. a final.

Na organización de toda a programación do Nadal participa tanto o Concello como outras entidades do municipio. En concreto o CF San Sadurniño, o Aldebarán, o Club Brío e o club Biela e Chaveta, ademais do Valdetires e o Burela de fútbol sala. Por outra banda, as actuacións teatrais contan con apoio da Deputación da Coruña.

14 de decembro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.