publicidade hoxe

Rosa Quintana participa na “Xornada sobre capturas accidentais de aves mariñas no Gran Sol”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurela
A-
A+
Intervención de Rosa Quintana

Intervención de Rosa Quintana

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, apela á minoración da captura accidental de aves mariñas de cara a protexer estes animais e evitar perdas para os profesionais do mar. Así o salientou esta mañá na “Xornada sobre capturas accidentais de aves mariñas no Gran Sol”, celebrada en Burela.

Así, Rosa Quintana reiterou que “é imprescindible o traballo, o compromiso e a corresponsabilidade de todos os axentes implicados” para plantexar propostas que poidan contribuír a atenuar este problema. Neste sentido, sinalou que científicos, entidades conservacionistas, sector pesqueiro e administracións deben ir da man para acadar este cometido.

A conselleira destacou que este obxectivo é de grande importancia xa que tamén constitúe un inconveniente para os pescadores de palangre, dado que as capturas accidentais ocasionan perdas económicas pola perda de cebo destinado ás súas especies obxectivo e debido a que as aves poden danar os aparellos de pesca. A conselleira fixo fincapé en que a pesca con palangre “é unha actividade sumamente selectiva, con especies obxectivo claras e unha taxa de descartes mínima, recoñecida como unha das máis sustentables e respectuosas co medio mariño”. Ao tempo, aproveitou para trasladar a importancia do sector do palangre en Galicia, que emprega directamente a máis de 570 persoas na nosa comunidade e que o ano pasado acadou unha facturación de preto de 60 millóns de euros pola venda de máis de 14 millóns de quilos de peixe.

A responsable da administración pesqueira sinalou que existen algunhas medidas de baixo custe para minorar estas capturas. Entre elas está o calado nocturno, a colocación de cordeis para espantar as aves ou a instalación de dispositivos acústicos de disuasión.

Contido da xornada

Esta xornada celébrase para debater con todos os actores implicados a captura accidental de aves mariñas, un problema para estas especies e para os propios mariñeiros en todo o mundo. A zona de Gran Sol identificouse como un caladoiro particularmente sensible neste sentido, especialmente no que se refire á frota de palangre demersal. Este encontro realizouse en Burela debido a que a maior parte destes buques españois teñen porto base nesta vila.

2 de decembro de 2015 | 16:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.