publicidade hoxe

Ribadumia acollerá a presentación do libro de Montse Fajardo “Un cesto de mazás. (Memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu)”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia acollerá o vindeiro sábado 12 de decembro a presentación do libro “Un cesto de mazás. (Memorias das vítimas do 36 e do tempo que veu)” da autora natural de Vilagarcía Montse Fajardo.

O libro recolle dezaseis historias de represión contadas por persoas moi próximas ás protagonistas. “Fala de paseos, paredóns, tobos nas cortes, cárcere, exilio, depuración, guerra… de vítimas directas, pero tamén daquelas que nin sequera son consideradas como tal”. Ademais, a publicación é próxima ó noso Concello, xa que un dos capítulos recolle a historia do ribadumiense veciño de Sisán Ramón Barreiro, xornalista de “La Hora”, asasinado no 36 e enterrado nunha foxa de Curro.

Este é xa o segundo libro da autora. O primeiro, “Matriarcas” estaba protagonizado por mulleres da posguerra galega e tivo unha grande acollida, esgotándose nun meses as tres primeiras edicións.

Na presentación, que se celebrará este sábado 12 ás 19:00 horas no Centro Social de Sisán, intervirán Mar Rey, concelleira de Cultura; Elena Barreiro, sobriña de Ramón Barreiro e a autora do mesmo Montse Fajardo. Tamén se proxectará o vídeo “O falado da Memoria”. A entrada é libre.

Despois da presentación celebrarase unha homenaxe a Ramón Mouriño no cemiterio de Sisán, onde repousan os seus restos tras ser exhumados dunha foxa de Curro no 2010.

Por todo iso, dende o Concello de Ribadumia, invitamos a todos os veciños e veciñas á presentación deste libro homenaxe ás vítimas do 36 e rogamos a máxima difusión. 

9 de decembro de 2015 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.