publicidade hoxe

Pazos de Borbén recibe máis de 600 quilos de alimentos coa súa campaña do “Nadal de recollida”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPazos de Borbén
A-
A+

A campaña do Nadal de recollida de alimentos impulsada polos Servizos Sociais de Pazos de Borbén finalizou esta semana. En total recibíronse máis de 600 quilos de alimentos que se destinarán a máis de 30 familias de todo o municipio, principalmente familias con fillos menores ao seu cargo e persoas maiores que viven soas. A repartición de alimentos realizarase os próximos días 14 e 15 deste mes.

Decenas de quilos de azucre e litros de leite, tanto semidesnatada como enteira, lentellas, fabas, arroz, garavanzos, pastas, aceite e produtos para o almorzo dos nenos son algúns dos alimentos doados. A gran maioría proceden dos almacéns do CPI Curros Enríquez e da Asociación ASPAVI, que tradicionalmente colaboran co Concello nestas iniciativas.

Moitos destes artigos, a gran maioría non perecedoiros e de primeira necesidade, eran os máis solicitados durante a campaña debido á súa importancia na dieta dos máis pequenos. A repartición realizarase a próxima semana a través dos Servizos Sociais do Concello de Pazos de Borbén para asegurar que a comida chega ás familias con maiores necesidades. Ademais, teranse en conta varios criterios como a conservación, as necesidades nutricionais dos beneficiarios ou a súa facilidade de preparación e manexo.

A concelleira de Políticas Sociais e Igualdade, Lorena Domínguez, agradeceu a solidariedade de todos os participantes, especialmente do CPI Curros Enríquez e a Asociación ASPAVI, que participaron nesta iniciativa, “garantindo a alimentación de moitos nenos nunha época na que hai moita xente ás que lles urxe un emprego e que non ten para dar para comer aos seus fillos. Isto axudará a que este Nadal sexan un pouco máis levadeiro para  moitas familias do noso pobo”.

Esta campaña púxose en marcha no marco do Plan de Intervención Social que está a desenvolver o Concello de Pazos de Borbén e que inclúe varias iniciativas, varias delas realizadas en colaboración con outras institucións, como a Cruz Vermella.

9 de decembro de 2015 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.