publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O teatro marca o programa de lecer en Carral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarral
A-
A+

TEATRO DO ANTROIDO REPRESENTOU “ROSALÍAS” PARA ALUMNADO DO INSTITUTO

Laura Ponte e Roi Vidal protagonizaron a obra Rosalías, que se representou no local Xente Nova de Tabeaio para o alumnado de 3º e 4º da ESO de Carral.

Foi unha función que serviu para coñecer as múltiples facetas de Rosalía de Castro, fuxindo dos tópicos que a categorizan como autora melancólica.

Esta función de Teatro do Antroido formaba parte do programa Teatro de Outono que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Carral, e con ela pretendeuse, ademais do coñecemento de Rosalía de Castro, achegar aos mozos e mozas a unha obra teatral, un tipo de espectáculo ao que apenas acode a mocidade. É unha liña de acción do departamento municipal de Cultura o ofrecerlle á mocidade aquelas manifestacións culturais ás que non se achegan, moitas veces por descoñecemento ou prexuízos.

TABEAIO ACOLLE O FESTIVAL DE PANXOLIÑAS        

Tres corais da provincia participarán no Festival de Panxoliñas de Carral, que organiza a concellería de Cultura coa colaboración da Asociación Cultural Aires de Carral e da Deputación Provincial da Coruña. As corais polifónicas que participarán son Vía Sacra de Sobrado dos Monxes, San Valentín de Fene e Aires de Carral.

Este evento musical terá lugar no Local Xente Nova de Tabeaio, o domingo 20 de decembro, ás 19:00 h. A entrada será libre.

A coral polifónica San Valentín, dirixida por Miriam Fernández Marín, naceu no ano 1980 e desde entón ten viaxado por diversas cidades españolas e a meirande parte das vilas galegas participando en concertos, festivais e certames. Pola súa banda a agrupación Vía Sacra, creada en 2008,  recibe o seu nome en honra ao paseo entre a Casa das Audiencias e o  mosteiro  de  Sobrado dos Monxes. Comeza con tan só  6 compoñentes, contando na actualidade con 28. Desde o seu comezo está dirixida por Malena Pazos Pintor.

A coral anfitriona, Aires de Carral conta cun longo historial de concertos por localidades galegas e española, acadando distincións en diversos certames. No ano 2013 gravou o seu último disco, Ecos de Carral, e desde 1982 dirixe a coral Juan José Gordillo.

TEATRO DE OUTONO REMATA CUN ESPECTÁCULO PARA BEBÉS

O programa de teatro que veu desensolvendo a concellería de Cultura nestes meses remata o martes 22 de decembro co espectáculo para bebés “A alfombra máxica” de Títeres Babaluva.

“A alfombra máxica” é un prelibro onde a artista plástica convida aos máis pequenos a mergullarse nunha viaxe sensorial. Un lugar de libre experimentación, unha alfombra táctil, sonora e olfactiva. Xuntos descobren o pracer de apalpar, manipular, escoitar, ver… Unha invitación a xogar, explorar, experimentar con todo o corpo. Xogos, música e outras sorpresas viaxarán cos máis pequenos e cos seus acompañantes adultos por un mundo de emocións e sensacións.

Este espectáculo-obradoiro realizarase na sala polivalente do edificio social Toñito Espiñeira, ás 17:00 h. O aforo está limitado e prégase puntualidade aos espectadores.

CULTURA OFRECE TRES PELÍCULAS PARA GOZAR EN FAMILIA

A concellería de Cultura volve a ofrecer un ciclo de cine na sala de audiovisuais da Casa da Cultura. Nesta ocasión, e aproveitando as datas do Nadal, ofrécense tres películas de animación para todos os públicos.

O ciclo comezará o luns 28 coa película Del revés, considerada por algúns críticos como unha obra mestra de Disney e os Estudios Pixar. O martes 29 proxectarase o filme galego-cubano nominado aos premios Goya Maimiño e o espello máxico, baseada no clásico conto infantil Polgariño e na versión libre que sobre este fixo o autor cubano José Martí. E rematarase o mércores 30 de decembro coa película Los Minions, outro éxito deste ano que está rematar.

Todas as sesións comezarán ás 17:00 h. As entradas son de balde e poden recollerse na Casa da Cultura desde 48 horas antes do inicio de cada película. Para a primeira película as entradas pódense recoller desde o día 22. A reserva das localidades terá vixencia ata 5 minutos despois de iniciada cada proxección.

18 de decembro de 2015 | 19:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.