publicidade hoxe

O primeiro exame de selección para as bolsas de mestre composteiro é superado por 38 aspirantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O primeiro exame de selección para a concesión de 10 bolsas de mestre composteiro da Deputación de Pontevedra foi superado por 38 aspirantes. O tribunal avaliador, en función da complexidade técnica das preguntas formuladas e do número de candidatos e candidatas presentados, determinou que a puntuación mínima requirida para superar a proba era de 57 puntos, calculados segundo a fórmula establecida nas bases da convocatoria [Puntuación = Acertos – (Respostas en branco e erros/(número de opcións de resposta-1))].

Na corrección do exercicio, realizado mediante medios informáticos, garantiuse o anonimato e deu a casualidade de que os exames de maior puntuación corresponden a mulleres e homes ao cincuenta por cento.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, manifestou hoxe a súa satisfacción pola normalidade do proceso, xa que os examinados coñeceron en todo momento cales son os baremos polos que se rexe a selección.  Así mesmo, destacou que a maior parte dos aspirantes presentaron un grande nivel de coñecementos, que se verán completados coa fase de formación específica.

Entrevista os días 10 e 11

Os candidatos terán que pasar agora a unha nova fase, que será a entrevista persoal, de carácter obrigatorio e eliminatorio. A proba consistirá na realización dun cuestionario no que o tribunal preguntará en persoa a cada aspirante sobre o seu currículo, obxectivos profesionais e dispoñibilidade, entre outras cuestións, para comprobar a súa preparación. Terá unha valoración máxima de 20 puntos. A comisión seleccionadora ven de convocar aos candidatos para os vindeiros días 10 e 11 de decembro. Ao día seguinte publicaranse as puntuacións outorgadas no taboleiro de anuncios e na páxina web da Deputación.

Sumadas as puntuacións da primeira e segunda fase, a comisión seleccionadora proporá ós 20 aspirantes con maior puntuación para a realización do curso de formación de mestres composteiros. Este consistirá na superación das materias impartidas ó longo do propio curso. Os módulos serán avaliados polos profesores correspondentes e deles extraerase unha media ponderada como nota final. Finalizado o curso, o tribunal proporá a adxudicación das 10 bolsas convocadas aos aspirantes que obtivesen a maior puntuación no curso.

A incorporación efectiva dos bolseiros producirase de xeito paulatino en función das necesidades reais marcadas polos centros de compostaxe comunitarios que vaian sendo instalados pola Deputación de Pontevedra até completar o total das 10 bolsas. O resto de aspirantes que superasen o curso pasarán a formar parte dunha lista de reserva para os casos de renuncia, incumprimento de obrigas, incapacidade sobrevida ou calquera outra causa que implique a perda da condición de bolseiro dos aspirantes elixidos. Así mesmo, expedirase un diploma acreditativo da realización do curso de formación de ‘Mestre Composteiro’ a todos os aspirantes que o superen.

As bolsas terán unha duración de seis meses, contados desde a data que figure no acordo de adxudicación da bolsa, prorrogables por outros seis meses. Para tramitar a prórroga do bolseiro, será necesaria unha memoria do bolseiro sobre o conxunto dos traballos realizados, especificando os obxectivos conseguidos, a metodoloxía empregada e os principais resultados dos estudos practicados, así como un informe de avaliación do titor no que deberá indicar se procede ou non a prorroga.

1 de decembro de 2015 | 20:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.