publicidade hoxe

O pleno de Oroso aproba máis de 600.000 euros en investimentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O pleno do Concello de Oroso aprobou esta mañá por unanimidade investimentos por importe de 604.357 euros, correspondentes aos seus plans de Obras e Servizos (POS) de 2016 e de Acción Social (PAS) de 2015.

O POS destínase integramente a investimentos, sen ningunha reserva económica para gasto corrente, como vén sendo habitual no Concello de Oroso nos últimos anos. Os seus 245.132 euros utilizaranse para o adecentamento da capa de rodadura da Rúa da Tosca (Sigüeiro), a segunda fase do vial entre Arderís (Senra) e Castiñeiro Redondo (Calvente), a mellora na rede viaria nos lugares de Vilanova e Vilacide de Abaixo (Oroso), Vilarelle (Vilarromariz), Vilalbarro e Sigüeiro (Oroso), O Empalme (Trasmonte), e O Covelo (Marzoa), e a rede de abastecemento de auga desde A Igrexa ata A Garabanxa (Calvente). 

En canto ao PAS, conta con 359.225 euros, tamén integramente para investimentos. Os máis destacados polo seu volume económico son unha senda peonil desde A Baiuca ata A Igrexa (Senra), orzamentada en 159.265 euros, e outra desde a Rúa María Casares (Porto Avieira) ata O Piñeirón (A Gándara), valorada en 116.178 euros. Ademais, o plan inclúe as construción da rede de abastecemento de auga desde o lugar de Valverde (Vilarromariz) ata A Falmega (A Gándara), e a ampliación do alumeado público na Estación de Oroso, no Alto de Vilanova e en Vilalbarro (Oroso), en Vilar de Arriba e nos Carballos (Deixebre), e en Piñeirón máis na Igrexa (A Gándara).

50 % de bonificación no imposto de incremento de valor de terreos urbanos

Por outra parte, na sesión aprobouse unha bonificación do 50 % no imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. Só votaron a favor o grupo de goberno (PsdeG-PSOE) e o BNG, mentres que o PP e o edil de Anova rexeitaron dar o voto afirmativo e optaron pola abstención.

A bonificación do imposto vaise conceder de oficio polo Concello nas transmisións de terreos e na transmisión ou constitución de dereitos reais de goce limitativos do dominio, realizadas a título lucrativo por causa de morte a favor dos descendentes e adoptados, os cónxuxes e os ascendentes e adoptantes.

Anova, co apoio do PP, pediu que este punto da orde do día quedase sobre a mesa, ao considerar “inxusto” o imposto. O alcalde, Manuel Mirás, explicoulles que “este é dos impostos máis xustos que hai, posto que é normal que alguén pague cando allea un ben e obtén un valor engadido”. Mirás pediulles “seriedade e responsabilidade” ao PP e Anova e fixo constar que as súas propostas “son lindezas que din pero só servirían para poñer en risco a facenda municipal, xa que deixar de aplicar este imposto obrigaría a subir outros”. O rexedor lembrou que a presión fiscal de Oroso sitúase lixeiramente por debaixo da media cos Concellos galegos e practicamente na metade da media das administracións locais de toda España.

17 de decembro de 2015 | 18:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.