publicidade hoxe

O pleno de Lousame aproba un investimento de 375.000 euros en obras do Plan de Acción Social e do Plan de Obras e Servizos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+

O pleno municipal de Lousame aprobou esta mañá un investimento de 374.308 euros en obras correspondentes ao Plan de Acción Social (PAS 2015) e Plan de Obras e Servizos (POS 2016) da Deputación da Coruña. Unhas obras que foron aprobadas cos 7 votos a favor de PP e BNG, fronte ás tres abstencións do PSOE.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, informou dun investimento de 272.508,57 euros en dous tipos de actuacións correspondentes ao Plan de Acción Social. O primeiro deles correspóndese con investimentos financeiramente sostibles, onde se investirán 45.580 euros na limpeza de cunetas e reparación do firme da estrada de Camboño a Miñortos, nos accesos a Burzó e na mellora do interior de Arxellas; así como outros 57.712 euros nos accesos a San Xusto e Fontefría, “onde xa se actuara nun punto estreito en Barbo e agora se continuará cara o interior da aldea”, explicou Villaverde.

O segundo grupo de investimentos do PAS 2015 correspóndese con investimentos financeiramente sostibles de carácter social, no que se invisten 169.216 euros. Así, o Concello de Lousame vai destinar 73.405 euros a facer obras de reparación e mellora nos locais sociais de Lesende, Aldeagrande, Béxeres, Vilacoba e Escabia. Teresa Villaverde destacou especialmente os traballos no local social de Lesende “onde faremos unha rampa de acceso para persoas con minusvalía física e habilitaremos un baño adaptado”. Así mesmo, anunciou que o Concello de Lousame tamén ten presentado unha memoria diante da Deputación para realizar obras de mellora no tellado do local social de Camboño. 

Ademais, o Concello vai destinar 64.669 euros para mellorar os accesos ao local social de Cruído, onde se ensanchará e se arranxará o firme do camiño, así como os accesos ao Punto de Atención á Infancia dende Cernande. Finalmente, o PAS 2015 destinará 31.141.83 euros a acondicionamento dos parques infantís de Portobravo e Escabia, seguindo así o traballo iniciado este ano co arranxo dos parques infantís de Béxeres e do PAI de Tállara. 

POS 2016

No que atinxe ao Plan de Obras e Servizos 2016, o pleno municipal de Lousame aprobou destinar 102.799 euros a dous proxectos: mellorar os accesos a Berrimes e mellorar o interior de Silvarredonda. Teresa Villaverde explicou que “no caso de Silvarredonda, xa actuamos na estrada que comunica co núcleo da aldea e agora actuaremos no interior xa que é unha zona moi estreita e os vehículos de emerxencia, como unha ambulancia, teñen problemas de acceso ao centro da vila. No caso de Berrimes, estamos facendo actuacións ao longo destes anos porque non dispoñemos de orzamento para facer o núcleo enteiro e porque hai moitas máis localidades e parroquias con necesidades”. O 48,5% restante dedicarase a gasto corrente.

Investimentos en saneamento

O voceiro do BNG, Amador Turnes, xustificou o seu apoio a ambas propostas en que “parte das obras que se inclúen tamén as pediamos nós”, aínda que solicitou que a xunta de voceiros para presentar proxectos se faga con máis tempo. Un punto no que incidiu o voceiro socialista, Julio Paradela, quen xustificou a abstención do seu grupo en que “falamos de meter parte en saneamento e non hai ningunha partida”.

A alcaldesa de Lousame contestou que xa tivo unha reunión na Consellería de Medio Ambiente, onde presentou un proxecto de 158.000 euros para o saneamento no Seixido e en Servia. “Faranse os saneamentos do Seixido, onde xa temos os terreos para asentar a depuradora, e en Servia, onde xa presentamos os proxectos en Medio Ambiente”, confirmou Vilaverde Pais.

17 de decembro de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.