publicidade hoxe

O pleno de Frades aproba 422.000 euros para investimentos en infraestruturas e equipamentos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O pleno de Frades aprobou a primeira hora desta tarde investimentos por importe 422.425 euros en infraestruturas e equipamentos públicos municipais. Son os proxectos que se inclúen no Plan de Obras e Servizos (POS) e no Plan de Acción Social (PAS) promovidos pola Deputación da Coruña. Os dous foron aprobados unicamente cos votos a favor do grupo do goberno (PP), posto que o BNG abstívose na votación do POS e votou en contra da proposta para o PAS.  

O Plan de Obras e Servizos recolle investimentos por valor de 157.004 euros, distribuídos en dous proxectos. Un, orzamentado en 91.531 euros, recolle a mellora do camiño desde Receá (Ledoira) ata Pontebrates (Añá), que será rebacheado e dotado de aglomerado, e o camiño que vai desde a estrada autonómica AC-524 en Abellá ata Caboladrón (Mesos), ao que tamén se lle aplicará aglomerado. O outro proxecto, cun orzamento de 65.473 euros, contempla a reparación dos accesos a Sibío (Gafoi), os accesos á Ponte Carreira (Gafoi), unha pista e os accesos en Vilar (Ledoira), os accesos a Ribadas (Ledoira), os accesos a San Paio (Añá), os accesos á praza pública e ao aparcadoiro de Añá, e un bacheo na pista que comunica a Camposa coa Chousa de Atrás (Ledoira).

En canto ao Plan de Acción Social, presenta un volume global de 265.421 euros, que se distribúen en catro proxectos. Un deles, cun investimento de 75.351 euros, dedícase ao acondicionamento dos accesos ás áreas recreativas das Virtudes (Vitre) e de Augasantas (Céltigos), ao lavadoiro de Fonte Santaia (Moar), ao local social de Céltigos desde Añá e desde Boado, ao local social de Aiazo, e ao local social de Galegos. O segundo proxecto, de 83.902 euros, intervirá tamén nos locais sociais, con actuacións como o pintado interior e exterior, a instalación ou renovación de canlóns e baixantes, ou a mellora de cubertas. As melloras beneficiarán os locais sociais da Ponte Carreira, de Papucín, de Mesos, de Galegos, de Cima de Vila e de Abellá. Destaca tamén a instalación dunha cuberta no CPI da Ponte Carreira para que o alumnado poida acceder desde o centro escolar ao pavillón de deportes sen mollarse. 

As ampliacións de abastecemento de auga conforman un terceiro proxecto do PAS, orzamentado en 70.544 euros. Este servizo básico chegará a novas vivendas e explotacións agrogandeiras nos lugares de Liñares (Aiazo), O Alto, Sibío e O Vilar (Gafoi), Alemparte (Céltigos), A Pista e Campo (Vitre), e A Chousa, Vista Alegre (Céltigos), ademais do punto limpo situado nesta parroquia, que entrará en funcionamento en breve. Do mesmo xeito, vaise mellorar o abastecemento en Gasalla (Abellá), reparando a rede, acondicionando o depósito e poñendo ao día os equipos de bombeo e cloración.

Finalmente, o PAS recolle tamén un proxecto, valorado en 35.624 euros, para reparar e acondicionar dous ramais de acceso a Tarrío (Papucín) e o camiño que vai desde a estrada DP-3802 ata A Camposa de Batán (Aiazo).   

Outras propostas, en futuros plans

O grupo do BNG presentou outras propostas para incluír nestes plans, consistentes tamén en accesos viarios e a mellora de diversas dotacións públicas. O alcalde, Roberto Rey, defendeu que todas as actuacións incluídas polo goberno son necesarias e anticipou que algunhas das propostas da oposición xa están contempladas para incluír en futuros plans provinciais e autonómicos ou para acometer con fondos propios municipais. Entre as propostas, destacou a ponte do Raselo, na parroquia de Gafoi. O seu proxecto de mellora, valorado nuns 60.000 euros, xa foi presentado na Consellería do Medio Rural e está pendente das indicacións e autorizacións que ofreza Augas de Galicia. 

Apoio á renovación da oferta de FP no IES de Curtis

Por outra parte, o pleno aprobou por unanimidade respaldar a petición para que o IES de Curtis incorpore ciclos relacionados coa atención a persoas dependentes e coa electromecánica de maquinaria na súa oferta de Formación Profesional. Trátase dunha iniciativa impulsada polos Concellos de Aranga, Boimorto, Curtis, Frades, Mesía, Sobrado e Vilasantar como resposta á falta de matrículas na oferta de FP que o IES ofrecía ata agora. 

O concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro, explicou que a proposta se fundamenta nun estudo rigoroso sobre as titulacións que máis pode demandar o mercado laboral da zona nun futuro, co propósito de que a oferta sexa o máis atractiva posible para o alumnado de cara a obter saídas profesionais. Ferreiro expuxo tamén que se reuniu co equipo directivo do CPI da Ponte Carreira para explicarlles esta iniciativa e recoller as súas suxestións. A proposta será presentada por este grupo de Concellos ante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. 

Por último, a corporación aprobou unha redución do nivel de complemento de destino do posto de secretaría e intervención municipal, que pasa do nivel 30 ao 26, e do seu complemento específico, que se sitúa agora en 8.526 euros. Do mesmo xeito, aprobáronse as bases para convocar o concurso co que cubrir esta praza, actualmente desempeñada mediante un nomeamento provisional tras a xubilación da anterior secretaria.

16 de decembro de 2015 | 19:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.